O novo PXOM do PP reduce substancialmente a construción no rural


O BNG ten detectado erros importantes no documento, e pide unha exposición pública para poder subsanalos e dar maior seguridade xurídica ao documento que se aprobe definitivamente

Vén de celebrarse a reunión da Comisión de Urbanismo na que o PP presentou a súa proposta de Plan Xeral para A Estrada, logo de meses agardando, e de sentenzas xudiciais que deixaban en moi mal lugar a xestión urbanística do alcalde, que ten, por decisión propia, competencias exclusivas nesta materia.

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, manifestou, logo da reunión da comisión que “á falta dunha análise máis demorada, que require un documento tan complexo coma este, apreciamos que se confirma o que xa anunciaramos desde o BNG, e é que a última modificación da Lei do Solo é moito máis restritiva para o rural, limitando en extremo os terreos para construír novas vivendas”.

“Temos que recordar,”, engadiu o concelleiro do BNG, “que non só foi o PP o que decidiu unilateralmente adaptar o PXOM a esta nova lei, senón que utilizou esta lei politicamente para erosionar ao goberno anterior, do que o BNG formaba parte, e en contra dos veciños e veciñas do rural, que agora van a ver moi reducidas a posibilidade de construír no rural”.

“Por outra parte,” explicou o concelleiro nacionalista, “desde o noso punto de vista apreciamos erros importantes, como deixar fóra de núcleo rural estruturas de máis de cen anos, -algo que non ten pés nin cabeza-, e que só se poden solucionar se hai una exposición pública do documento, que permita modificar estes erros”. Ademais, engadiu, “o urbanismo na Estrada non pode estar en permanente cuestionamento, sen a mínima seguridade xurídica, despois de 34 anos non sería de recibo presentar un Plan que ao día seguinte entre nos tribunais”.

O concelleiro do BNG tamén manifestou que “é moi pronto para indicar cal vai ser o posionamento do BNG a respecto deste Plan, aínda temos que estudalo polo miúdo, mais, independentemente disto, o noso posicionamento tamén vai depender da actitude construtiva do PP, e se hai exposición pública ou non”.

O PXOM na web do BNG
O BNG da estrada informa tamén que puxo na súa web, a disposición de todos os veciños e veciñas da Estrada, os planos do rural e da vila para que coñezan polo miudo como lles afecta nas súas propiedades este novo plan xeral do PP, habilitando o seu correo electrónico para achegar á organización nacionalista todos aqueles erros detectados e acreditar a necesidade dunha exposición pública, á que o PP parece remiso. Recordamos que o enderezo da páxina web do BNG é bngdaestrada.wordpress.com e o seu enderezo de correo “estrada@bng-galiza.org”.

Advertisements