O BNG rexeita a privatización do servizo de recollida do lixo que quere facer o PP


Coa privatización pagaremos máis por un peor servizo, e empeorará as condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras

O consello local do BNG da Estrada reuniuse onte á noite para, entre outros asunto, analizar o convenio marco que está a ofrecer a Deputación de Pontevedra aos concellos da provincia.

Unha vez analizado o BNG da Estrada rexeita totalmente a sinatura do citado convenio por tratarse dunha descarada privatización do servizo de recollida do lixo, no que se inclúe a xestión privada do punto limpo, e pídelle ao Alcalde da Estrada que non asine este convenio polos prexuízos que causará a todos os veciños e veciñas da Estrada.

O BNG entende que privatizar un servizo público como o da recollida do lixo é dar un peor servizo, e empeorar as condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras.

Por outra parte, este convenio marco non especifica as tarifas que se aplicarán a todos os veciños e veciñas da Estrada, pero é fácil deducir que se incrementará o prezo do recibo, posibilidade esta que rexeitamos totalmente xa que será unha nova carga impositiva que terán que soportar os estradenses, logo da subida do doble no recibo da contribución deste ano (140% no ano 2013, a respecto de 2011), a auga e outro tipo de taxas.

Asinar este convenio, a parte da privatización, suporá a perda de competencias e a perda de ingresos en IBI e IAE, en beneficio da Deputación de Pontevedra, que reterá os cartos destes impostos para sufragar o custe do servizo.

Por último, o BNG non entende o engorde que está a facer o PP das Deputacións provinciais, uns organismos que ninguén elixe directamente, que vampiriza os ingresos doutras administracións (este convenio é un claro exemplo), unha institución obsoleta e que só sirve para uso e control caciquil do PP; en definitiva, unha institución que debería desaparecer.

Advertisements