A solución para a sucursal de NovaGaliciaBanco do Souto de Vea é un parche


As unidades móbiles de NovaGaliciaBanco do Souto de Vea e Codeseda desaparecerán en poucos meses se non hai unha implicación clara do alcalde

O consello local do BNG analizou o pasado luns a situación da sucursal de NovaGaliciaBanco do Souto de Vea e a mediación do alcalde para evitar a eliminación desa oficina.

O BNG da Estrada entende que a solución acadada polo alcalde, é dicir, a de enviar un autobús unha vez á semana para que os veciños poidan facer as xestións que viñan facendo habitualmente é un parche, que redundará na desaparición, non só da sucursal, senón do propio autobús.

A experiencia de Codeseda, onde tamén de despraza un autobús unha vez á semana, non pode ser máis frustrante para boa parte dos veciños e veciñas, xa que unha xestión habitual como unha simple transferencia é imposíbel con este sistema, o que provoca que boa parte dos veciños desta parroquia opten por trasladar as súas contas á sucursal da Estrada ou mesmo a cambiar de banco.

Por outra parte, a actual situación de NovaGaliciaBanco, que por esixencias da UE para poder recibir unha inxección de capital de 5.425 millóns de euros, terá que recortar a plantilla en máis do 40%, provocará, máis pronto que tarde, a desaparición da sucursal de Souto de Vea e das oficinas móbiles.

Desde o BNG entendemos que o grupo de goberno do PP da Estrada, e en concreto o alcalde, non están facendo o suficiente para manter vivas dúas zonas especialmente dinámicas do concello como son Codeseda e o Souto de Vea.

O PP e o alcalde asumen estoicamente os ditados da Unión Europea, así como do goberno de Mariano Rajoy, e calan ante a redución drástica non só de postos de traballo, senón da propia entidade, o que lle restará vitalidade e capacidade de reacción á economía galega, e redundará na perda de servizos no noso extenso rural, non só na Estrada senón en toda Galiza.

Neste sentido, hai que recordar que NovaGaliciaBanco é agora mesmo unha entidade intervida polo Banco de España, con capital público maioritario do FROB, e é lamentábel, que a Xunta de Galiza non faga desta entidade o cerne dun banco público galego, vital para o despegue económico do noso País, e, como se está vendo, para achegar servizos e dinamizar o noso rural.