O Alcalde apela ao consenso, pero non quere que os veciños e veciñas participen dese consenso


As présas en aprobar o PXOM deixarán o noso urbanismo nun estado caótico e nun e estado de indefensión total ante calquera impugnación xudicial

A secretaria accidental que ditaminou favorabelmente o PXOM forma parte da executiva local do PP

imaxe

O Alcalde da Estrada apela ao consenso das tres forzas políticas para aprobar o Plan Xeral, pero o Sr. Campos esquece que o consenso teno que alcanzar co pobo da Estrada, e sen exposición pública a súa proposta cae en saco roto.

Malia que o BNG ten denunciado en reiteradas ocasións a urxencia de dotármonos dun Plan Xeral, é absolutamente incompresíbel que o grupo de goberno se empeñe aprobalo sen o coñecemento e sen a participación mediante alegacións dos veciños e veciñas da Estrada, o que, sen dúbida, rematará nunha impugnación xudicial, que deixará o noso urbanismo nun estado caótico e deixará nun estado de indefensión total a aqueles veciños e veciñas que decidan iniciar algún proxecto construtivo nos próximos anos.

Neste sentido resulta cando menos sospeitoso que o Alcalde aproveite as vacacións do secretario titular do concello para nomear unha secretaria accidental, que non ten a categoría laboral acaida nin experiencia, no canto de recorrer ao técnico xurídico de urbanismo, que era o que habitualmente substituía as ausencias do titular.

Mais, sen cuestionar a validez legal do ditame da secretaria accidental, un ditame favorábel, como non podía ser doutro xeito, ao tratarse dunha persoa da plena “confianza” do Alcalde, si temos que cuestionar a súa validez política, xa que esta persoa forma parte da executiva local do PP da Estrada, que, obviamente, é parte política interesada.

E por outra parte, o PP ten a manía en abrumarnos con números e estatísticas sobre o número de vivendas que se poden construír con este novo Plan Xeral, como fixo onte o concelleiro Alberto Blanco, mais a sensación que hai no rural e á vista dos planos que puidemos analizar, hai un claro afogamento da capacidade construtiva do rural, onde nin sequera se respectaron os compromisos de construción rexistrados no PXOM de 2010.

Advertisements