O BNG urxe o comezo das obras de melloría da seguranza viaria no acceso ao centro de saúde de Souto de Vea


Carlos Aymerich denuncia o incumprimento dun acordo parlamentar para que esta actuación rematara no primeiro semestre de 2012 e agarda que a demora non agache un futuro desmantelamento do dito centro médico

cruce-centro-medico-grandeO grupo parlamentar do BNG, a través do seu deputado Carlos Aymerich, urxe a melloría na seguranza viaria na PO-841 no acceso ao centro de saúde de Souto de Vea, no concello da Estrada.

Aymerich rexistrou unha batería de iniciativas parlamentares lembrando que se trata dunha actuación comprometida xa en Febreiro de 2011, logo de terse aprobado por unanimidade, á proposta do BNG, unha proposición non de lei neste sentido na Comisión 2ª do Parlamento, que contou co apoio do actual Alcalde da Estrada, o Sr. José López Campos, daquela Deputado do PP.

O acordo acadado na Cámara galega estabelecía que as obras tiñan que estar concluídas no primeiro semestre de 2012, porén, a piques de rematar o ano, a única actuación realizada foi o anuncio do inicio dun expediente expropriatorio en xullo deste ano, sen que o único proprietario afectado soubese máis do caso.

Para Aymerich, o atraso é consecuencia da “proverbial ineficacia” do goberno do PP e producto dos recortes, “se cadra o primeiro paso para o desmantelamento do centro médico de Souto de Vea”, advirte.

Ante os feitos, o deputado nacionalista quer que o goberno da Xunta dea contas no Parlamento das razóns que xustifican a demora nas obras e presente un novo calendario para acometer a necesaria mellora da seguranza viaria nesa estrada.

Advertisements