Un centro de saúde non é un centro comercial


“Se o Alcalde finalmente se decanta por esta posibilidade estará sentando un grave precedente e unha discriminación para outro tipo de negocios que seguramente lles gustaría prestar alí os seus servizos”

A respecto da posíbel ubicación da sucursal de NovaGaliciaBanco que manexa o alcalde e a entidade financeira, o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, explicou que “consideramos que é absurdo que ocupe, aínda que sexa en réxime de aluguer, un espazo dun centro médico, que,

Sucursal de NovaGaliciaBanco no Souto de Vea

Sucursal de NovaGaliciaBanco no Souto de Vea

por outra parte, hai que recordar que ten un problema grave de seguridade no seu acceso que aínda non foi corrixido, malia os anuncios feitos pola Xunta de Galiza”.

“Temos que recordarlle ao Alcalde”, explicou o concelleiro nacionalista, “que o centro médico é un edificio público, que proporciona un servizo público,universal e gratuíto, como é a sanidade, e non é de recibo reservar unha parte a unha entidade privada con ánimo de lucro”.

“Aínda que xa coñecemos a teima privatizadora do PP, mesmo de servizos públicos, quero recordarlle ao Alcalde que un centro médico non é un centro comercial”, afirmou Magariños, “o centro comercial xa existe, e é o propio Souto de Vea, e é aí onde debe prestar o seu servizo unha entidade comercial como NovaGaliciaBanco”.

“Se o Alcalde finalmente se decanta por esta posibilidade estará sentando un grave precedente e unha discriminación para outro tipo de negocios que seguramente lles gustaría prestar alí os seus servizos”, explicou o concelleiro do BNG. “Neste sentido,” engadiu Xosé Magariños, “o que hai que facer co centro de saúde do Souto de Vea é potencialo prestando unha serie de servizos públicos que agora non presta, que poden ser de índole sanitaria, que sería o ideal, ou mesmo unha oficina de información municipal onde por exemplo se podería expor o PXOM para que os veciños e veciñas do Val de Vea o poidan coñecer e alegar se for o caso”.

“Desde o BNG xa afirmamos no seu día que a solución do autobús para o Souto de Vea era un parche para ter os veciños contentos, pero estas dúbidas, estes titubeos, fannos temer o peor, que é a desaparición da sucursal bancaria do Souto de Vea”, afirmou finalmente o concelleiro nacionalista.