O BNG votará en contra do Plan Xeral do PP


“O PP preséntanos un PXOM feito de costas aos partidos da oposición e de costas aos veciños e veciñas da Estrada; non é o noso plan é o Plan do PP”

imaxe

Xosé Magariños, portavoz municipal do BNG, compareceu hoxe perante os medios de comunicación para explicar o posicionamento dos nacionalistas a respecto do PXOM que se levará mañá a aprobación do pleno da corporación municipal.

O concelleiro do BNG explicou que “nós máis que ninguén coñecemos a necesidade que ten a Estrada de dotarse dun Plan xeral para rematar coa anarquía imperante e coa indefensión na que se atopan os veciños e veciñas da Estrada, unha situación que ten responsábeis políticos no Partido Popular, logo de sucesivos intentos para dotármonos dun plan que finalmente quedaron en nada, ou froito dos intereses políticos deste partido durante o último goberno municipal do que o BNG formaba parte”.

“Porén”, indicou o concelleiro nacionalista “o PP preséntanos agora un PXOM feito de costas aos partidos da oposición e de costas aos veciños e veciñas da Estrada; non é o noso plan é o Plan do PP”.

“Por outra parte,” engadiu o concelleiro nacionalista, “o BNG votará en contra deste plan por dous motivos fundamentais”. “En primeiro lugar”, explicou Xosé Magariños, “porque consideramos que é necesaria unha nova exposición pública; esta exposición está motivada ao estar diante de cambios substanciais (máis de cincocentas vivendas que quedan fora de ordenación, cambios na planificación do medre dos núcleos, cambios na clasificación do solo, e non so no casco urbano –máis dun 15% dos núcleos rurais vense alterados considerablemente con respecto ao plan anterior-).”

“Este empeño do PP en ganar uns meses, tempo que por certo se tería gañado se o documento se presentase no mes de setembro, data de elaboración deste PXOM, provocará un atraso maior, se, como supoñemos, este PXOM será recorrido perante a xustiza ao estar diante dun claro caso de indefensión dos cidadáns por non ter feita a exposición pública”, explicou o concelleiro do BNG.

“Pero non só consideramos que sexa necesaria unha exposición pública por motivos legais,” engadiu o concelleiro nacionalista, “tamén existen cuestións de ética política; os veciños e veciñas non so teñen o dereito a alegar a este PXOM teñen que poder pedir explicación ou modificacións a este documento.”

“Por outra parte”, indicou Xosé Magariños “estamos ante un documento que non contempla os compromisos de edificación dos veciños e veciñas do rural, a diferenza do anterior Plan elaborado polo anterior goberno municipal, que si os tiña en conta, reflectindo unha mellor a realidade do noso concello”.

O portavoz municipal tamén explicou que “este plan tiña que ter un deseño urbanístico que permitise baixar o prezo da vivenda, e isto so se logra baixando o prezo do solo, cousa que se consigue aumentando e diversificando o solo urbanizábel; o que non implica que todo sexa apto para construír, cousa que era o que acontecía ate o de agora e o único que xeraba era un encarecemento da terra para usos agrícolas. Para acadar o obxectivo anterior é preciso permitir unha maior capacidade de construción no rural e non concentrando a poboación no entorno da vila. Temos que ir a un modelo de autopromoción, o modelo que permitiu medrar A Estrada.”

“A respecto da vila,” indicou o concelleiro nacionalista “atopámonos que se segue pensando en que a inversión privada vai a ser a que leve a cabo o desenrolo do proxecto, cousa que no contexto actual de crise non imos a atopar quen o leve a cabo; a prioirización dos obxectivos de temporalización teñen que ser en función dos interese de todos os veciños e veciñas, e a única garantía de que isto sexa así é que sexa o concello o que suma o desenvolvemento destes obxectivos prioritarios e o plan non o recolle.”

“Por outra parte,” afirmou Magariños “neste plan que nos presenta o PP non se contemplan apertura de novas rúas que no BNG consideramos prioritarias, zonas de aparcadoiros en superficie e para equipamentos”.

“Como indiquei anteriormente, A Estrada necesita un PXOM máis que ningunha localidade da nosa comarca, pero non este Plan que afoga o rural estradense”, afirmou o concelleiro nacionalista, “feito ao ditado dunha lei do solo aprobada unilateralmente polo PP, nun Parlamento do que formaba parte o actual Alcalde da Estrada”.

Advertisements