#Propónconnosco para un BNG máis activo e máis ilusionante


Participa na asemblea local aberta deste sábado 22 ás 18,15 horas, no noso local

propon

Logo dos malos resultados eleitorais acadados o 21 de outubro, onde o BNG perdeu un número importante de votos e escanos, iniciamos un proceso de reflexión e debate interno, que agora queremos trasladar a toda a sociedade, porque estas eleccións do 21-O convertéronse para o BNG nun indicador de que hai aspectos das nosas propostas, da nosa forma de traballar na sociedade e do noso funcionamento interno que deben ser analizadas colectivamente e postas ao día. O obxectivo é manter vivo o vencello político e afectivo coa ampla base social do nacionalismo e a esquerda, para dotármonos dunha forza social suficientemente ampla que nos permita confrontar o centralismo abafante, camiñar cara a soberanía e defender os intereses desa maioría social triturada polas políticas neoliberais e, polo tanto, do país enteiro. Nós somos parte activa desa maioría inqueda e transformadora coa que queremos compartir o noso proxecto nacional. Tanto no día a día, no traballo e na vida social como na loita política e na xestión dos asuntos colectivos e públicos.

Buscar o acerto nas propostas e recuperar a ilusión, os afectos e o espírito de traballo mancomunado son os motivos que impulsan estre proceso de debate que abre agora o BNG coa cidadanía nacionalista, un debate que culminará nunha Asemblea Nacional extraordinaria que se celebrará nos vindeiros meses.

Neste sentido, convidamos a todas as persoas que queiran participar nesta asemblea local aberta que facemos o sábado 22 ás 18,15 horas no noso local da Estrada, para falar, debater, propoñer para recuperar a ilusión dun novo tempo para o BNG.