A seguranza vial do colexio do Souto de Vea segue agardando logo de sete meses do anuncio feito polo alcalde


O BNG esixe o remate inmediato desta obra para mellorar a seguranza dos alumnos do colexio Manuel Villar Paramá

colexio-soutoLogo das denuncias feitas no seu día pola ANPA do Colexio Manuel Villar Paramá do Souto de Vea sobre a nula seguranza vial dos escolares deste centro escolar, o alcalde da Estrada, o Sr. José López, anunciaba na altura do mes de abril unha serie de melloras consistentes construción dunha zona reservada para os autobuses escolares e separada da estrada Portela-Souto de Vea, que pasa xusto por diante do colexio, e que rexistra un número importante de vehículos ao longo do día, especialmente nas horas nas que os alumnos entran e saen do colexio.

Meses máis tarde, o BNG da Estrada, a través do seu portavoz municipal, Xosé Magariños, vén de denunciar que “as peticións da ANPA en absoluto foron atendidas estando o proxecto totalmente parado, e o que é peor, sen noticias do concello sobre a construción desta zona segura para os alumnos do Souto de Vea”.

“Unha vez máis,” denunciou o concelleiro do BNG, “o alcalde actúa con total improvisación, xerando unhas expectativas, que polo que se ve é incapaz de cumprir”. “Para máis INRI”, engadiu Xosé Magariños, “o alcalde implicou aos membros da ANPA na procura desta solución para a seguranza vial do colexio, en concreto conseguiron as autorizacións dos propietarios dos terreos para poder acometer as obras, unha obras que finalmente non se fixeron, deixando totalmente tirados á comunidade educativa do colexio e sen zona de seguranza”.

“Por outra parte”, engadiu o concelleiro nacionalista, “para redondear a chapuza o Alcalde, sen saber se finalmente se podería concretar o proxecto ou non, converteu unha frondosa carballeira nunha lameira”.

“Por iso”, explicou Xosé Magariños, “esíxolle ao alcalde que remate dunha vez estas obras, que hai meses tiñan que estar rematadas, e arranxe na medida do posíbel esta chapuza, que ten un único responsábel, o alcalde, coa colaboración entusiasta da Deputación de Pontevedra, que tan habitualmente nos ten acostumados ás chapuzas”.