O BNG leva ao Parlamento Galego o problema dos cobros da empresa PULEVA da supertaxa de 1996/1997


A deputada do BNG, Tareixa Paz, esixe que sexa a Xunta quen se poña ao fronte da situación para que ningún gandeiro ou gandeira teña que pagar un só euro por esta estafa e por este abuso da empresa PULEVA

imaxe

De esquerda a dereita: Anabel Gulías (portavoz municipal de Forcarei), Xosé Magariños (portavoz municipal da Estrada), Tareixa Paz (deputada no Parlamento Galego) e Matías Rodríguez da Torre (portavoz municipal de Silleda)

O BNG, a través da deputada Tareixa Paz, rexistrou no Parlamento Galego unha serie de iniciativas para que a Xunta de Galiza inicie as accións necesarias para solucionar o problemas dos cobros da supertaxa de 1996/1997 que presuntamente quere cobrar a empresa PULEVA a un número importante de gandeiros e gandeiras da nosa comarca.

A deputada Tareixa Paz, que compareceu perante os medios da localidade acompañada de Xosé Magariños (portavoz municipal do BNG da Estrada), Anabel Gulías (portavoz do BNG en Forcarei) e Matías Rodríguez da Torre (portavoz municipal de Silleda), recordou que “a finais dos anos noventa, e concretamente na tempada 1996/1997, un ano especialmente produtivo no sector lácteo, e logo dunha serie de mobilizacións do sector gandeiro, conseguiuse que o Ministerio de Agricultura e a Xunta se fixeran cargo do exceso de sobre produción do gandeiros e gandeiras galegos”. “Por iso,” explicou a deputada do BNG “este intento da empresa PULEVA é unha estaba e un abuso por parte de empresa, máxime se temos en conta que esta presunta exceso de produción se produciu hai 16 anos, e moitos dos gandeiros e gandeiras xa non traballan no sector”.

“Por outra parte”, indicou a deputada nacionalista, “estas notificacións estanse a facer dun xeito tan escurantista que non dan conta de ningún tipo de liquidación nin de información para que o gandeiro ou gandeira poida comprobar a veracidade dos datos citados nin da cantidade que a empresa lles está a demandar”.

“Neste sentido”, explicou Tareixa Paz, “a Xunta ten que tomar cartas no asunto, ten que poñerse ao fronte desta situación e dirixirse ao Ministerio de Medio Rural para que comprobe no FEGA (Fondo Español de Garantía Agrario) a veracidade dos datos indicados pola empresa, e sobre todo, para defender os intereses das explotacións lácteas galegas”.

A deputada do BNG, Tareixa Paz, tamén esixiu da Xunta de Galiza en mans do Partido Popular, que “os gandeiros e gandeiras galegos non paguen nin un só euro, máxime cando o sector está afectado por unha profunda crise, e sobre todo, o que máis escandaloso, cando en poucos meses o sistema de cotas desaparecerá, logo de que o sector lácteo galego investira miles de euros para poder competir nun mercado trucado polas normas da Unión Europea”.

Advertisements