A política do PP en materia de servizos sociais pasa pola caridade e a beneficencia


Non é de recibo gastar máis dun millón de euros nun campo de fútbol mentres se desmantela o servizo de prevención de drogodependencias e se recorta persoal dos servizos sociais comunitarios

Charla drogodependencia

A respecto das informacións que apuntan á perda de determinados servizos sociais que viña prestando o concello pola perda de subvencións por parte da Xunta de Galiza, o consello local do BNG quere denunciar en primeiro lugar que o PP quere transformar toda política de prevención e reinserción social en caridade e beneficencia, retornando a tempos pretéritos que xa supoñíamos que tiñamos superado.

O consello local do BNG quere recordarlle ao Alcalde que os servizos sociais e a promoción e reinserción social son un servizo mínimo para os concellos de máis de 20 mil habitantes, segundo indican os artigos 80 e 81 da Lei de Administración Local de Galiza, ademais das competencias municipais que nesta materia establece a Lei de Servizos sociais de Galicia, polo tanto é obrigatorio a prestación deste tipo de servizos por parte da administración local.

Nunha época na que a agudización das consecuencias da crise fai que as persoas e familias que precisan dos servizos sociais se incrementen cada día, non é de recibo que se acepte mansamente, como se dunha praga bíblica se tratara, a perda destes servizos, asumindo e aceptando a decisión do goberno amigo da Xunta de Galiza.

Se neste contexto socio-económico é incomprensíbel a perda destes servizos, moito máis o é cando o concello ten previsto un incremento dos seus ingresos por mor da subida de impostos e no incremento da Participacións dos Ingresos do Estado, que nestes 2013 incrementaranse en 731.000 euros, un 20% máis que en 2012.

Así as cousas, o BNG non pode deixar de denunciar o desmantelamento programado con premeditación e aleivosía dos servizos sociais e do estado do benestar que está a levar a cabo o Partido Popular, o que terá consecuencias desastrosas para moitos dos nosos veciños e veciñas.

Nestes sentido, desde o BNG da Estrada esiximos unha rectificación nas prioridades de gasto do PP, non é de recibo gastar máis dun millón de euros nun campo de fútbol mentres se recortan os Servizos sociais comunitarios básico e se desmantela o servizo de prevención de drogodependencias, por citar un só exemplo.

Advertisements