O BNG votará en contra dos orzamentos municipais do PP


No BNG entendemos que estes non son os orzamentos que necesita o noso concello nestes intres de crise económica, cando habería que apostar polos investimentos e polo PXOM, e non polo incremento do gasto corrente

A calculator, pen, and financial statement.

O portavoz do BNG, Xosé Magariños, deu conta hoxe en rolda de prensa do posicionamento da organización nacionalista a respecto dos orzamentos municipais. O concelleiro do Bloque subliñou que con estes orzamentos o “PP incrementa os ingresos e o gasto corrente, ao tempo de diminúen significativamente os investimentos”.

“Así temos vemos que adican a pavimentación das pistas do rural a mesma cifra que hai 20 anos, é dicir, 120.000 €, cando é evidente que hoxe temos unha rede vial máis ampla que en 1990”, indicou o concelleiro do BNG. “O PP tamén incorpora aos orzamentos unha cifra ridícula para o PXOM, pouco máis de 300.000 €, o que indica o pouco que lle importa a revitalización da economía local”, engadiu o concelleiro nacionalista.

“Por outra parte”, explicou Xosé Magariños, “nestes orzamentos tamén nos atopamos cousas curiosas como o incremento da partida do alumeado público, que se sobe 500.000 € a respecto de 2012, o que demostra o tan cacareado plan de aforro enerxético foi un estrepitoso fracaso”.

“E a todo isto,” engadiu o concelleiro nacionalista, “hai que sumarlle o incremento do 100% á Festa do Salmón, así como nos gastos de gobernos (dedicacións exclusivas e cargos de confianza), mentres que os servizos sociais, neste contexto de crise, increméntase en só 80.000 €”.

“Porén, estes orzamentos teñen un significativo incremento dos ingresos”, explicou Magariños “1.500.000 € do IBI e 730.000 € das transferencias do Estado, que non redundan en máis servizos para os veciños e veciñas nin máis investimentos e si en máis gasto corrente, que practicamente absorbe o incremento no gasto corrente ”.

“Por todo isto, no BNG entendemos que estes non son os orzamentos que necesita o noso concello nestes intres de crise económica, cando habería que apostar polos investimentos, polo PXOM, ao tempo que se reducen os gastos correntes”. “Nestes sentido,” explicou o concelleiro nacionalista “xa adiantamos que o BNG votará non a estes orzamentos municipais”.

Descargas:
Orzamentos municipais

Advertisements