O BNG reúnese coa ANPA do Villar Paramá para presentarlle a súa proposta en materia de seguridade vial


Esta proposta que foi ben acollida pola ANPA, é asequíbel e cuxa execución non presenta maior dificultade e en un ou dous meses estas medidas de seguridade deberían estar instaladas

reunion-anpa

No día de onte, unha representación do BNG da Estrada, encabezada polo seu portavoz municipal, Xosé Magariños, reuniuse coa ANPA do colexio público Manuel Villar Paramá, coa finalidade de achegarlle a proposta en materia de seguridade vial que levará o BNG á comisión de educación cando sexa tratada a moción que presentaron os nacionalistas sobre esta cuestión.

O concelleiro nacionalista, logo da reunión coa ANPA, afirmou que “o primeiro que faremos será solicitar no próximos pleno que a policía local ou protección civil controlen a chegada e a saída dos autobuses do colexio, xa que pensamos que os nenos e nenas corren verdadeiro perigo e se até o de agora non houbo ningún accidente, si houbo algún que outro susto que é necesario evitar antes de teña consecuencias maiores”.

“Por outra parte,” afirmou o concelleiro do BNG, “a proposta que lle presentamos á ANPA consiste basicamente en separar o tráfico dos nenos instalando algún tipo de barreira entre a estrada e a zona de aparcamento dos autobuses, así como a instalación de elementos que aminoren a velocidade dos vehículos que pasan nese tramo”.

“Esta proposta”, explicou Xosé Magariños, “que foi ben acollida pola ANPA, é asequíbel e cuxa execución non representa maior dificultade e en un ou dous meses estas medidas de seguridade deberían estar instalada”.

“Esta será a proposta que levaremos á comisión de educación cando esta sexa convocada para tratar a nosa moción”, indicou o concelleiro nacionalista, “agora o alcalde xa non nos poderá acusar de que non facemos propostas en positivo, que só criticamos”; “pois aquí ten unha proposta”, engadiu o concelleiro do BNG, “agora a pelota está no tellado do PP e deles dependerá se se fai ou non”. “Desde logo,” afirmou Magariños, “xa non se poderá escudar en que ten un ten un custe excesivo porque non é así, é perfectamente asumíbel polo concello, se realmente quere solucionar o problema”.

Advertisements