O BNG ve ao sector do moble coa ´pistola na caluga´ e ao goberno incapaz de apoialo


Xosé Magariños subliña que en “ano e medio” de goberno do PP, “somos líderes na comarca en creación de desemprego” – Avoga por deseñar unha “política seria” que dinamice os sectores produtivos: comercial, industrial e primario

coches-vila-470x140

O líder do BNG da Estrada, *Xosé Magariños, afirmou onte con preocupación que ve ao sector local do móbel coa “pistola na caluga”,  nunha “situación catastrófica”,  en tanto que o goberno local móstrase incapaz de apoialo. “Seguimos apostando por obras tales como a construción de campos de fútbol” ou en investir diñeiro público en proxectos orientados a dinamizar “propiedades privadas” como A Torre de Guimarei mentres que os sectores produtivos locais atópanse nunha situación lamentable.

O portavoz nacionalista da Estrada considera que o executivo local liderado polo alcalde José López Campos “non ten nin idea” de como deseñar unha “política seria” que dinamice os sectores produtivos locais. “Levan ano e medio no goberno e somos líderes na comarca en creación de desemprego”, valorou Magariños.

Carpinteiros “sen cobrar”

Volvendo á situación do sector local do móbel, asegurou que moitos carpinteiros e ebanistas das industrias locais levan moito tempo “sen cobrar”. Así mesmo, en relación coa patronal do sector, destacou que lle consta que hai moblistas estradenses que na actualidade están a soster as súas empresas “poñendo diñeiro” procedente do seu patrimonio persoal. Así as cousas, Magariños conclúe que “isto non vai” e proclama que o executivo local debería deseñar unha “política seria”de dinamización dos tecidos produtivos.  Refírese ao sector comercial -en relación co cal admite que lle apena ver a mala situación pola que atravesa- pero tamén aos sectores industrial e primario.

Neste sentido, apunta que leva tempo pedindo o plan de usos da Praza de Abastos porque esta vai “cada vez a menos” e a obra de remodelación “en si non ten por que ser un elemento dinamizador do sector primario”.

Así mesmo, asegura que non ve “unha política seria de dinamización do comercio. Os cursos formativos están ben pero non son a solución. Inciden en cuestións de perogrullo: o comercio ten que buscar algo que lle diferencie, coidado con internet… Iso os comerciantes xa o saben. O que queren saber é como facelo”, recalca.

Na súa opinión, “estamos a tirar o diñeiro con iniciativas que non levan a ningún lado”. Pide ao goberno que o evite e que planifique “que pobo quere”, con “responsabilidade”. Na súa opinión, vai “á esculca do gran de millo” no canto de deseñar políticas que dinamicen aos tecidos produtivos. Así, apuntou que habería que potenciar que os clientes “entren pola porta” do comercio e por que o sector do móbele some “esforzos”. Estima que o executivo local debería “tentar conectalos” para aproveitar “sinerxías” e fortalecer ao sector. Este “estaba débil” porque, a xuízo de Magariños, sempre se tendeu a “fomentar a dispersión do sector”.

O líder nacionalista saía así ao paso das declaracións do alcalde José López que atribuían á súa “boa xestión” a reversión de 45.000 metros de terreo da Agasp no Concello “a custo cero”. Magariños negou con rotundidade que iso sexa certo. “Os terreos da Agasp pagáronos os estradenses”, pagando “un diñeiral pola expropiación” e agora “aos estradenses tamén lles custará” unha cifra importante de miles de euros ao ano “o mantemento da piscina climatizada”. “Como se lle ocorre dicir que é a custo cero?”, indignouse.

Noticia tomada de Faro de Vigo