O BNG censura que as persoas con discapacidade que non poidan conducir teñan que pagar o imposto sobre vehículos de tracción mecánica


Para o BNG esta medida é inxusta porque, unha vez máis, fará pagar máis a aqueles que menos teñen

escrito-concello

Escrito remitido aos beneficiarios/as da exención do imposto de circulación

O concello da Estrada, concretamente o servizo de recadación do concello, está a remitir aos beneficiarios da exención do imposto de circulación por mor dunha minusvalía, unha notificación avisándoos da modificación do padrón deste imposto, que no esencial deixará a centos de veciños sen aplicación desta exención.

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, afirmou que esta medida que aprobará proximamente o PP “é absolutamente inxusta, porque non busca suprimir a picaresca, senón recadar máis”.

“Esta modificación do padrón fará pagar o imposto de circulación a persoas con minusvalías superiores ao 60%, o que na práctica os imposibilita para conducir calquera vehículo, porque non son os condutores habituais do coche”, explicou o concelleiro do BNG.

“Iso significa”, engadiu o concelleiro nacionalista, “que calquera persoa con minusvalía que queira acollerse a esta exención e non poida conducir, terá que ter un coche en exclusiva, o que desde calquera punto de vista é unha medida absurda, desproporcionada e que non poderán soportar ningunha das persoas con exención deste imposto”.

Esta medida que aprobará o Partido Popular, e que entrará en vigor xa no presente exercicio fiscal, “afectará negativamente a moitas persoas que por enriba de ter unha minusvalía, por enriba de vérense afectados pola paralización da lei da dependencia, agora, persoas con escasos recursos, veranse aínda máis empobrecidos ao ter que pagar este imposto, que aprobará o PP co único afán de recadar máis”, explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños.

O concelleiro nacionalista pediulle ao alcalde da Estrada que non aprobe esta modificación do padrón do imposto de circulación, que manteña a exención para as persoas con minusvalía, sexan condutores habituais ou non, e controle cos medios de que dispón o concello, que non haxa casos de fraude na exención deste imposto.

Advertisements