Preferentes: a solución será política ou non haberá solución


A Xunta e o Goberno Central teñen que garantir que os estafados polas preferentes recuperen o 100% dos seus aforros

MANIFA-PREFERENTESO BNG da Estrada apoiará a mobilización prevista para hoxe na Estrada convocada polas estafadas e estafados polas participación preferentes e subordinadas, entre os que se atopan máis de 600 veciñas e veciños do noso concello.

A estafa das preferentes foi unha estafa masiva perpetrada polo sistema financeiro coa única finalidade de tapar o enorme déficit de liquidez logo da crise financeira que deu comezo en 2007. Esta estafa foi a mantenta e mesmo a traición, por parte duns directivos que no canto de defender os intereses dos seus clientes aproveitáronse da estreita relación que estes mantiñan coa sucursal bancaria para levar a cabo a maior estafa que se recorda no noso país.

A nivel galego hai máis de 50.000 persoas estafadas por este produto financeiro de alto risco, deseñando inicialmente para investirodres profesosionais, pero que foi comercializado a persoas sen coñecementos financeiros e, como dixemos antes, aproveitan a relación de confianza que mantiñan os estafados cos empregados das sucursais bancarias.

Para o BNG a solución a esta estafa pasa por unha solución estrictamente política. Foron decisións políticas as que permitiron en 2003 (en pleno goberno de Aznar) a comercialización deste produto financeiro; foi unha decisión política a que obviou calquera tipo de control sobre a súa comercialización; foi unha decisión política do PP a que decretou en xullo de 2012 a quita do 50% do estafado e converter o outro 50% en accións, coa única finalidade de sanear o sistema financeiro, un saneamento que se fai a costa de miles de persoas, que ven agora como se esfuman os aforros de toda unha vida.

Como dixemos, a solución será política ou non haberá solución á esta estafa masiva. Neste sentido, o BNG ten claro que a solución pasa por unha implicación clara dos gobernos da Xunta e do Goberno Central para que os responsábeis desta estafa devolvan o 100% do estafado e se diriman as resposabilidades penais que sexa pertinente.

Neste sentido, agardamos que o PP da Estrada, e concretamente o alcalde, o Sr. José López, sexa sensíbel aos sufrimento de centos de veciños e veciñas, que poden perder os aforros de toda unha vida, e presione aos seus compañeiros de partido, o Sr. Feijóo e o Sr. Mariano Rajoy, que en diversas ocasións compartiron mesa e mantel con el, para dar unha solución satisfactoria a este problema, que no 90% dos casos son cuestións de pura supervivencia persoal e familiar.

Advertisements