O PP engana aos aforradores estafados das preferentes


O Alcalde, como membro da executiva provincial do PP, ten que esixir a dimisión dos deputados que votaron a favor do roubo aos titulares de preferentes e subordinadas

preferentes

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, esixiulle hoxe ao alcalde da Estrada, José López, que “vale xa de demagoxia, vale xa de oportunismo político e vale xa de tomarlle o pelo aos aforradores estafados das preferentes, que traballaron moi duro durante toda a súa vida para que veña agora o goberno do PP e os atraque co Boletín Oficial do Estado na man”.

Xosé Magariños fixo estas declaracións logo de que onte (xoves) o Congreso dos Deputados aprobara, cos votos do Partido Popular, “outra norma máis para executar o roubo dos galegos e galegas”.

O concelleiro nacionalista afirmou que “o Sr. López, ademais de Alcalde tamén é membro da executiva provincial do Partido Popular, que preside o Sr. Louzán”. “Neste sentido”, indicou o concelleiro do BNG, “os nacionalistas da Estrada preguntámonos se o Alcalde vai a pedir a dimisión dos deputados e deputadas do PP que votaron a favor do roubo, que teñen nome e apelidos, “afirmou Magariños, “e son Ana Pastor (Ministra de Fomento), Paz Lago, Irene Garrido e a xoia da coroa, Telmo Martín, cuxa empresa está salpicada por diversos escándalos urbanísticos”.

Xosé Magariños afirmou que “está moi ben que o PP vote a favor de mocións de apoio aos estafados das preferentes e que lles amose a súa solidariedade, pero todo isto ten que transformarse en feitos nun partido que ten responsabilidades de goberno no Concello, na Deputación, na Xunta e no Estado, e o que fixeron onte as deputadas e deputados do PP foi perpetrar un roubo á xente traballadora, un roubo aos estradenses estafados das preferentes, co beneplácito implícito do Alcalde da Estrada”.

Para o concelleiro nacionalista, o ocorrido onte no Congreso dos Deputados “demostra unha vez a complicidade do Partido Popular co sector financeiro, que desde que chegou ao goberno lexisla para os bancos e en contra de todas e todos”.

“Por outra parte,” indicou o concelleiro do BNG, “este atentado contra aforradores e aforradoras supón un grave prexuízo individual e colectivo para a nosa economía, pois quítannos a posibilidade de que unha parte substancial desas cantidades acabe por significar investimentos no propio concello que poderían axudar ás pequenas economías locais en tempos de crise”.

“Polo tanto”, afirmou Xosé Magariños, “esixo ao alcalde que tome medidas cos seus deputados e deputadas, que dimitan, e se eles non o fan, que o faga el, porque está enganando a todos os veciños e veciñas da Estrada”.

Advertisements