O BNG pide a devolución do Salmón de Ouro a Ana Pastor por ser cómplice da estafa das preferentes


Xosé Magariños: “xa que o Alcalde non ten o valor político suficiente para pedir a dimisión dos deputados dos seu partido, cómplices necesarios nesta estafa, terá que ser o pleno do concello o que declare persoas non gratas aos catorce deputados do PP que votaron a favor da maior estafa económica do noso país e por suposto do noso concello”

“Os deputados e deputadas do PP xa non representan nin a quen os votou”

anapastorO BNG da Estrada presentará no próximo pleno previsto para a semana próxima unha moción urxente na que se pide a reprobación dos 14 deputados e deputadas do Partido Popular que votaron a favor da quita das participacións preferentes e débeda subordinada, que deixarán sen os seus aforros a centos de veciños e veciñas do noso concello.

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, entende que “xa que o Alcalde non ten o valor político suficiente para pedir a dimisión dos deputados dos seu partido, cómplices necesarios nesta estafa, terá que ser o pleno do concello o que declare persoas non gratas aos catorce deputados do PP que votaron a favor da maior estafa económica do noso país e por suposto do noso concello”.

“Por outra parte,” indicou o concelleiro nacionalista, “na mesma moción tamén pedimos que Ana Pastor, actual Ministra de Fomento, devolva o Salmón de Ouro, concedido polo concello en 2003”. “No BNG entendemos”, explicou Magariños, “que unha persoa cómplice por partida dupla desta estafa, xa que forma tamén parte do Consello De Ministros, non pode ter un galardón do concello cando hai moitos veciños e veciñas que perderán os seus aforros de toda a súa vida por mor das decisións políticas desta persoa”.

“Non hai moitas semanas,” engadiu o concelleiro do BNG, “o pleno do concello aprobou unha moción para declarar Ben de Interese Turístico a Festa do Salmón, que busca dinamizar e popularizar este evento, e polo tanto, esta festa non pode verse escurecida por persoas cómplices dunha estafa, que teñan no seu haber o máximo galardón deste evento, que, como todos sabemos, é unha proposta do CIT (Centro de Iniciativas Turísticas), pero quen o concede é o Concello”.

O PP legalizou o roubo dos aforros de moitos traballadores e traballadoras
“Temos que recordar”, explicou o concelleiro do BNG “que o sistema financeiro do Estado español non só non foi penalizado polas súas irresponsábeis prácticas especulativas e as perdas que ocasionaron, senón que mesmo recibiu o auxilio incondicional, sen exixir responsabilidades a cambio, do Goberno central. En xullo de 2012, o Goberno do PP, asinou o Memorando de entendemento coa UE onde asumiu unhas condicións gravosas para a maioría da cidadanía, dado que as persoas contribuíntes en xeral han de realizar enormes esforzos para rescatar a banca privada do Estado español, e dun xeito especialmente grave para milleiros de pequen@s aforrador@s, posuídor@s de participacións preferentes e débeda subordinada. Neste Memorando recóllese expresamente a obriga de que se adoptarán no Estado español medidas para que esas persoas aforradoras que, con engano, son agora titulares de participacións preferentes ou débeda subordinada vexan obrigatoriamente convertido o diñeiro depositado en accións “con descontos considerábeis”, isto é, de vérense esfumados os seus aforros en papel de escaso valor.”

“Estas medidas”, engadiu Xosé Magariños, “adoptadas a través de diversos reais decretos-leis aprobados polo Goberno central e sempre validados co apoio dos deputados/as galegos/as galegos/as do PP, supoñen un durísimo golpe a milleiros de familias que asisten á legalización do roubo dos seus aforros perpetrado coa connivencia do Goberno do PP, no canto de contribuír a facilitarlles a devolución íntegra do diñeiro depositado como lle correspondería xestionar e defender a quen representa a cidadanía.”

Xa non representan nin a quen os votou
“Neste sentido, estes deputadas e deputados do PP xa non representan nin a quen os votou”, explicou o concelleiro do BNG, “son moi graves os prexuízos que as políticas de Rajoy e das deputadas galegas e galegos no Congreso lle causan a Galiza e, en concreto, ás veciñas e veciños da Estrada. O PP pasou de ser cómplice da banca especuladora a culpábel do espolio do aforro dos galegos e das galegas.”

Devolución do 100% dos aforros

“O BNG demandou a través de sucesivas iniciativas presentadas no Congreso dos Deputados, a devolución do 100% dos aforros das persoas estafadas, porén”, explicou Xosé Magariños, “sempre se atopou co muro infranqueábel da maioría absoluta do PP e dos seus deputados que tumbaron unha e outra vez estas iniciativas que procuraban devolver aos aforradores e aforradoras o que é seu”.

“Por todo isto”, explicou Magariños, “o PP ten entre as súas filas os cómplices necesarios para perpetrar esta estafa feita para salvar á banca, e neste sentido pedimos a reprobación dos seguinte deputados e deputadas do BNG: Antonio Eiras, Antonio Pérez, Tristana Moraleja, Juan de Dios, Joaquín García, Jaime de Olano, Olga Iglesias, Celso Delgado, Guillermo Collarte, Ana Belén Vázquez, Ana Pastor, Irene Garrido, Paz Lago, Telmo Martín e Marta González Vázquez.”