O alcalde é tan cómplice como os deputados do PP que votaron a favor da quita das preferentes


O Sr. López prefire estar do lado de Mariano Rajoy no canto de estar cos veciños da Estrada estafados das preferentes

ALCALDEO concelleiro do BNG, Xosé Magariños, afirmou que “no pleno de onte o Alcalde e todos os seus concelleiros amosaron a súa complicidade cos deputados do PP que votaron a favor da quita das preferentes”.

O concelleiro nacionalista fixo estas declaracións logo de que no pleno de onte o PP rexeitara a urxencia da moción presentada polo BNG na que se solicitada a reprobación de todos os deputados e deputadas galegas do PP que aprobaron o Real Decreto 6/2013, “un Real Decreto”, afirmou Magariños, “que legaliza a estafa de miles de millóns de euros”.

O portavoz municipal do BNG afirmou “non entender a actitude do Alcalde e do seus concelleiros e concelleiras, que están quedando en moi mal lugar cos estafados das preferentes da Estrada, onde hai máis de 700 afectados e máis de 15 millóns de euros en xogo, unha cifra que debería facer reflexionar ao Sr. López; isto non é broma, están en xogo os aforros de toda unha vida feitos a base de moito esforzo e moito sacrificio e non hai dereito a que ningún goberno legalice unha estafa”, explicou o concelleiro do BNG.

O deputados do PP non representan nin a quen os votou
Xosé Magariños indicou que “ningún dos estafados das preferentes e moitos veciños e veciñas da Estrada, solidarios con esta lexítima demanda, dubida de que estes deputados do PP xa non representan nin a quen os votou, e o alcalde ten dúas opcións, poñerse do lados dos estafados ou poñerse do lado do goberno de Mariano Rajoy”, afirmou Xosé Magariños, “non se pode estar a dúas bandas, ou cos veciños ou contra os veciños, mais no pleno de onte xa quedou claro da parte de quen está o Alcalde”.

Por outra parte, o concelleiro do BNG tamén se referiu ao sucedido no pleno de onte afirmando que comprende “a desesperación dos estafados polas preferentes, e aínda que un pleno non se debe interromper, xa que nel están representados todos os veciños e veciñas da Estrada, é lóxica a reacción dos preferentistas cando se senten traizoados polo Alcalde por non ser quen de reprobar a uns deputados que tomaron unha decisión política en contra dos intereses de centos de estradenses”.

“Polo tanto”, engadiu o concelleiro do BNG, “ninguén está politizando nada, xa que politizado xa está desde que o goberno de Mariano Rajoy e os seus deputados votaron a favor da quita das preferentes; antes unha decisión política, cómpre reaccións políticas”, afirmou Xosé Magariños.

Advertisements