Posicionamento do Consello Local do BNG a respecto das últimas declaracións do Alcalde da Estrada


KEEPCALMLogo das últimas declaracións do alcalde a respecto do sucedido no pleno do xoves pasado, o consello local do BNG fai as seguintes apreciacións:

  • Consideramos as declaracións do Alcalde, máximo representante de todos os veciños e veciñas da Estrada, froito dun momento de quentura, sen a máis mínima reflexión, algo moi habitual no Sr. López, cousa que xa facía cando estaba na oposición. Declaracións como as feitas á radio municipal e aos medios de comunicación local non son propias dun alcalde, senón dun alborotador nato, que a falta de argumentos políticos para rebater, recorre ao insulto.
  • Os veciños e veciñas estafados das preferentes (unha estafa na que o Partido Popular no Goberno do Estado Español e con maioría nas Cortes é colaborador necesario) están no seu lexítimo dereito a demandar a devolución do 100% dos seus aforros, así como o de denunciar publicamente aos deputados e deputadas do PP que votaron a favor da quita das preferentes, que lle farán perder os aforros de toda unha vida.
  • O alcalde e o seu equipo de concelleiros e concelleiras saberán porque rexeitaron a urxencia da moción do BNG, pero quedou patente a nula valentía política do Sr. López para enfrontarse ao seu partido, rexeitando a reprobación dos deputados e deputadas por traizoar a todos os galegos e galegas e aos estradenses en particular, onde hai máis de 15.000.000 de euros en aforros que se esfumarán por unha decisión política do PP. O Alcalde e os edís do PP estradense ou se posicionan cos afectados ou respaldan a actuación dos parlamentarios e membros do goberno do PP, non cabe o seu xogo a dúas bandas que o BNG puxo en evidencia o pasado xoves.
  • Agora o PP ten responsabilidades de goberno, xa non vale prometer solucións como fixo en campaña electoral. Mais o PP no canto de propor solucións para a estafa das preferentes, legalízaa coas súas decisións políticas.
  • Non só respectamos senón que comprendemos perfectamente o apoio que recibe a Plataforma da Estrada de persoas na mesma situación doutros concellos. Isto chámase solidariedade, algo que non está no ADN político do Sr. López. Do mesmo xeito que entendemos que veñan persoas das plataforma de Santiago ou do Baixo Miño, entendemos que os da Estrada acudan por exemplo ao Concello de Teo, como aconteceu hai un par de semanas.
  • Insistimos: isto é solidariedade, que non é o mesmo que poñerse unha camiseta como fixo recentemente o Sr. Louzán, para logo deixar que os seus deputados elixidos pola provincia de Pontevedra traizoen aos seus votantes.
  • Neste sentido, recomendámoslle ao Alcalde que se preocupe máis polo futuro electoral do seu partido que polo do BNG. Queremos recordarlle, -para que non se esqueza-, que a súa raquítica maioría absoluta conseguina só por 12 votos, que lle deron o escano da súa salvación política a costa do BNG. Polo tanto, e tendo en conta a súa nefasta xestión a fronte do noso concello, os seus incumprimentos e o programa oculto -IBI- e, logo do seu apoio implícito aos deputados do PP que aprobaron a quita das preferentes, ten serias razóns para preocuparse, porque en 2015 non será alcalde da Estrada.
  • E por último, o alcalde xa pode traer os antidisturbios se quere, o BNG seguirá apoiando nas institucións e socialmente (cousa que leva facendo desde 2011) as lexítimas demandas dos estafados das preferentes da Estrada e de toda Galiza.

Por outra parte, o BNG da Estrada iniciará proximamente unha campaña na procura de maior contacto social, que nos permita estar máis en contactos cos nosos veciños e veciñas, así como dos seus problemas. Neste sentido, e como primeira medida aprobada polo Consello Local, comunicamos que todos os mércores (día de feira), de 11 a 13 horas, o local do BNG estará aberto para todos os veciños e veciñas que desexen transmitirnos os seus problemas e suxestións.