O BNG ten claro que estará sempre co pobo, cos que piden a devolución do 100% dos aforros


O alcalde debería estar máis preocupado polas consecuencias económicas da perda deses aforros, que polo desenvolvemento protocolario dun evento festivo

Preferentes-AEstrada1

“Nin os preferentistas nin o BNG insultou a ninguén o domingo pasado, absolutamente a ninguén”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, que estivo en todo momento apoiando á plataforma da Estrada, así como a outras que viñeron desde distintos puntos de Galiza.

“Entendemos que o alcalde estea nervioso, pero se quere ter a conciencia tranquila debía poñerse do lado dos estafados e estafadas polas partición preferentes, no canto de tapar as vergonzas do seu partido e dos seus deputados, dos que el é responsábel da súa actuación política, como membro que é da executiva provincial do PP”, explicou o concelleiro nacionalista.

O concelleiro do BNG tamén se referiu a non presenza dos seus cargos orgánicos e institucionais nos actos protocolarios organizados polo concello. Neste sentido Magariños indicou que “o BNG tiña claro que de coincidir ambos eventos, como así foi, os nacionalistas estarían co pobo, a pé de rúa, reivindicando e demandando a devolución do 100% dos aforros dos estradenses estafados, que temos que recordar que na Estrada alcanza a cifra de 15 millóns de euros, detrás da cal hai 713 dramas persoais e familiares”.

Preferentes-AEstrada2Xosé Magariños tamén explicou que “o alcalde debería estar máis preocupado polas consecuencias económicas da perda deses aforros, que polo desenvolvemento protocolario dun evento festivo”. “Se eses cartos desaparecen pola decisión política do seu Partido Popular, non estaremos diante de 700 dramas persoais, todos os estradenses sufriremos un verdadeiro drama social, cuxas consecuencias económicas sentiranse máis pronto que tarde”, afirmou o concelleiro do BNG.

Por outra parte, o Portavoz do BNG lembrou que “o BNG está a poñer todos os medios para acadar a solución a este problema, no mes de abril as nosas Deputadas no Congreso ademais de varias preguntas encol da actuación do goberno do PP neste tema, presentaron dúas proposicións de Lei e Non de Lei que serán unha nova oportunidade para que os deputados e deputadas galegas do PP se pronuncien e demostren aos afectados con quen están”. Magariños lembrou así mesmo que “aínda está pendente de ditame en Comisión a Moción presentada de urxencia no último Pleno”.

Advertisements