O BNG leva ao Parlamento Galego o vertedoiro de San Xiao de Vea


O concello pasa olimpicamente dun vertedoiro ilegal onde hai máis de vinte e cinco coches, un camión, unha furgoneta, latas e recipientes de líquidos inflamábeis, metais e ferros de todo tipo amoreados a escasos vinte metros do río Vea e ao pé da Ruta do Salmón de bicicleta de montaña

Vertedoiro de San Xiao de Vea O BNG da Estrada anunciou publicamente que leva ao Parlamento Galego o vertedoiro ilegal da Parroquia de San Xiao de Vea, e faino, segundo indicou o concelleiro da organización nacionalista, Xosé Magariños, “por mor da incompetencia, do pasotismo e a parálise do goberno municipal neste asunto”.

Para o portavoz municipal do BNG, “é intolerábel que logo de termos denunciado publicamente en múltiples ocasións este vertedoiro nos últimos anos, mesmo en privado ao concelleiro de medio ambiente, non só non se limpa senón que medra cada día que pasa”.

Segundo indicou o concelleiro nacionalista “non estamos a falar dun pequeno vertedoiro, falamos de máis de 25 coches, un camión, unha furgoneta, latas e recipientes de líquidos inflamábeis, metais e ferros de todo tipo amoreados a escasos vinte metros do río Vea e ao pé da Ruta do Salmón de bicicleta de montaña”.

“Alén das denuncias feitas polo BNG a nivel político, das que o concello ten constancia desde hai xa varios anos”, indicou o concelleiro nacionalista, “cónstanos que hai veciños e veciñas que xa o teñen denunciado no SEPRONA, que tamén teñen constancia destes graves feitos, sen que até o momento ningunha entidade tomara cartas no asunto, nin o concello, nin a Xunta de Galiza”.

“Por todo isto”, explicou Xosé Magariños, “ante a deixadez do Concello, que pasa olimpicamente do asunto, o BNG leva ao Parlamento Galego este vertedoiro onde rexistrou unha serie de preguntas para saber se a Xunta ten constancia deste vertedoiro, que accións se van a tomar para retirar estes refugallos, se se avaliou o impacto deste no medio ambiente e se ten incoado algún expediente sancionar por vertedoiro a todas luces ilegal”.

Esta batería de preguntas que están asinadas polas deputadas do BNG Ana Pontón, Carme Adán, e o deputado Daniel Rodas, que consideran necesario que a Xunta de Galiza actúe ante a existencia dese punto de verquido ilegal, e adopte as medidas necesarias para que estes refugallos sexan retirados, así como que se investigue a orixe deste verquido e se incoen os oportunos expedientes sancionadores á vista destes graves feitos.

Advertisements

One response to “O BNG leva ao Parlamento Galego o vertedoiro de San Xiao de Vea

  1. Pingback: O vertedoiro de San Xiao de Vea desaparece aos quince días da denuncia feita polo BNG no Parlamento Galego | Bloque Nacionalista Galego da Estrada·

Os comentarios están pechados.