A eliminación dos partidos xudiciais que quere facer o PP, fará unha xustiza máis austera, pero tamén máis inxusta


O BNG vén de rexistrar unha moción no concello na que se solicita o apoio de todas as formacións políticas da corporación rexeitar a proposta do Ministerio de Xustiza para estabelecer un único partido xudicial en cada capital de provincia, eliminando así os partidos xudiciais das cidades e vilas de importancia

Foto: Flickr de Certo Xornal

Foto: Flickr de Certo Xornal

O Goberno do PP no Estado baralla unha reforma da Demarcación de Planta que ten como previsión na Galiza un único partido xudicial por provincia, propondo un modelo en que todos os partidos xudiciais se suprimirían para os concentrar nas capitais de provincia.

Esta reforma preténdese facer sen interlocución con axentes sociais e institucionais e decántase por un modelo provincial, que faría desaparecer todos os partidos xudiciais de ámbito inferior para os concentrar na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, ademais de desprazar as segundas instancias ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, afastando así a administración de xustiza da cidadanía. E faino na liña utilizada coa súa proposta de reforma da administración local: reforzar as provincias, cando se trata dunha realidade territorial superada polos cambios demográficos e institucionais nas últimas décadas.

De se aplicar unha reforma neste sentido, as consecuencias serían moi prexudiciais para a cidadanía: afastamento da xustiza, encarecemento e inaccesibilidade a un servizo público básico. O PP pretende afondar en impedir aínda máis o acceso á xustiza que comezou coa implantación de taxas xudiciais regresivas.

De ir adiante esta proposta, cidades como Vigo, Ferrol ou Santiago de Compostela, ou vilas e concellos de dimensións relevantes que son cabeceiras de comarca veríanse privadas de contar cun partido xudicial, o cal provocaría un auténtico caos e empeoraría o servizo á cidadanía. A xustiza encareceríase, sería menos accesíbel, e obrigaría as persoas afectadas a continuos traslados a capitais de provincia coas consecuentes perdas de tempo, desembolsos económicos e demais trastornos. Por exemplo, no caso da Estrada, teríamos que desprazármonos a Pontevedra, co gravoso que iso sería para os petos dos nosos veciños e veciñas.

O BNG é contrario a unha reforma desta envergadura porque empeoraría a xustiza na Galiza, cando é evidente que o camiño non é o da redución de xulgados. De feito, precísanse máis xulgados, mesmo unha revisión da demarcación da planta xudicial que teña en conta os cambios demográficos habidos nas últimas décadas para que se implanten sobre todo novos xulgados en cidades e vilas que experimentaron aumentos poboacionais significativos.

O centralismo, como vemos, non é o camiño adecuado para mellorar o servizo público de xustiza. O monopolio do Estado non pode obviar que este servizo ha de estar relacionado con outras administracións e institucións, e que mesmo a dotación de medios materiais depende nunha parte importante, no noso caso, da Xunta de Galiza. Por iso, para que a administración de xustiza estea mellor coordinada con outras estratexias de reforma e mellora administrativa, debe camiñarse cara á transferencia da competencia sobre a demarcación e planta xudicial a Galiza.

Ao taxazo xudicial e á pretensión de reformar os Rexistros Civís, que auguran o rumbo privatizador do goberno do PP no Estado, hai que lle acrecentar agora esta nova agresión ao dereitos dos galegos e das galegas a un servizo público fundamental como é a xustiza.