O vertedoiro de San Xiao de Vea desaparece aos quince días da denuncia feita polo BNG no Parlamento Galego


“No BNG estamos moi contentos do éxito conseguido, porque nos dá azos para seguir traballando por unha Estrada mellor para todas as veciñas e veciños”

Antes e despois da denuncia feita polo BNG da Estrada

Antes e despois da denuncia feita polo BNG da Estrada

Hai quince días o BNG da Estrada anunciou a presentación dunha batería de preguntas rexistradas no Parlamento Galego sobre o vertedoiro de San Xiao de Vea, onde se amoreaban nunha leira máis de vinte cinco vehículos abandonados, a parte de todo tipo de Ferralla, a escaso metros do río Vea.

Segundo informa o portavoz do BNG, Xosé Magariños, “esta denuncia que os nacionalistas levamos ás máis altas instancias do país, xa deron os seu froitos, xa que dun día para outro este verquido desapareceu, segundo nos comunicaron os veciños da parroquia”.

“Porén”, indicou o concelleiro do BNG, “esta limpeza non tivo nada que ver coa dilixente actuación da administración local ou galega, senón que foi froito do temor dos responsábeis deste verquido a unha posíbel sanción, o que motivou a retirada inmediata de todo lixo que algúns desaprensivos acumularon durante anos, ante a pasividade das autoridades medioambientais do concello e da Xunta de Galiza”

“Hai que recordar,” explicou Magariños “que xa en 2006 foi o BNG quen puxo en coñecemento do concello da presenza deste vertedoiro ilegal, do que tamén tiña constancia o propio SEPRONA, segundo teñen informado os propios veciños, porén nada se fixo até estes días, sete anos máis tarde, e non foi por iniciativa das administracións públicas, responsábeis de velar polo noso medio ambiente”.

“Por outra parte,” afirmou Xosé Magariños, “no BNG estamos moi contentos do éxito conseguido, porque nos dá azos para seguir traballando por unha Estrada mellor para todas as veciñas e veciños”.

Advertisements