Militantes do BNG da comarca A Estrada-Deza ocupan a delegación de facenda da Estrada


20130628_122406No marco da campaña “Non é unha crise, é un roubo”, varios militantes do Bloque Nacionalista Galego da comarca A Estrada-Deza ocuparon este mediodía as oficinas da Delegación de Facenda no noso concello, para pór en evidencia o drama que está a padecer o pobo galego e para sinalar, directamente, os responsábeis deste roubo, a banca especulativa, e quen o ampara, o Partido Popular, desde o Goberno español e desde a Xunta de Galiza.

Para o BNG toda unha política de recortes é absolutamente inxusto, tanto nos servizos públicos, como nos salarios ou no acceso ao crédito das empresas de economía produtiva, o que provoca que a sociedade estea a pagar cos seus impostos o rescate do enorme burato da banca española e europea.

No BNG entendemos que somos unha maioría da xente, somos dos máis, das e dos que se erguen cedo e se deitan tarde para saír adiante cada día, e se optamos por este xeito de protesta é para dicirlle ao PP que non imos ficar calados e caladas, que imos responder ás agresións diarias duns gobernos que defenden os culpábeis e castigan as vítimas, como está acontecendo cos estafados das participacións preferentes e débeda subordinada. Que lle quede claro ao PP que no BNG imos ensinar os dentes e seguir na rúa na defensa dos dereitos e das liberdades, na defensa do noso presente e do noso futuro, na defensa das nosas vidas, na defensa de Galiza.

Militantes do BNG pechados en facendaTemos claro que esta crise é un roubo, porque a estafa bancaria das preferentes é roubo, como o recorte en gasto social e en servizos públicos, a reforma laboral, o aumento dos impostos, a emigración forzosa da nosa mocidade, a destrución salvaxe e insostíbel do noso territorio e dos nosos recursos mineiros, enerxéticos, marítimos ou como o impedimento de podermos desenvolver os nosos plans de vida, de podermos garantir unha vivenda e un traballo digno.

Fronte a este roubo, desde o BNG imos estar á altura, defendendo na rúa e nas institucións as vítimas do empobrecemento social ao que nos leva o Partido Popular”.

Por outra parte, tamén queremos denunciar con esta ocupación que vivimos nun un país que esmorece, que se vén abaixo e que queren desertizar social e economicamente. Para lle dar a volta a esta situación dramática, só o poderemos facer se temos capacidade de dicidir, se temos soberanía. Só así poderemos tomar libremente decisións políticas en función dos nosos intereses, os da maioría social galega hoxe empobrecida e castigada pola factura dunha crise que non causou.

Advertisements