O BNG esixe unha solución inmediata ao problema da secretaría do Pérez Viondi


O proxecto de ampliación do Pérez Viondi, valorada en 2.300.000 euros, non contempla un espazo para ubicar a secretaría do colexio, que conta con máis de 500 rapaces

Colexio Pérez ViondiO BNG vén de rexistrar no Parlamento Galego unha batería de preguntas dirixidas á Consellaría de Educación sobre os defectos detectados no proxecto de ampliación do colexio Pérez Viondi.

En concreto, segundo denunciou hai uns días o consello escolar, o proxecto de ampliación do colexio non contempla ningún espazo para o departamento de secretaría, imprescindíbel para calquera colexio das dimensións do Pérez Viondi, onde estudan máis de 500 rapaces e rapazas da Estrada.

Este departamento, que anteriormente estaba situado nun edificio anexo ao colexio, derrubando para acometer a ampliación, é esencial para o funcionamento diario do colexio, xa que deste departamento depende todo procedemento burocrático e administrativo do centro, así como arquivo, entre outras funcións.

No BNG consideramos que este erro vai ter consecuencias para o desenvolvemento ordinario do colexio, e neste sentido, o PP, que dirixe a Consellaría de Educación, debe depurar responsabilidades na persoa ou grupo de persoas que aprobaron un proxecto construtivo valorado en 2.300.000 euros, que non contempla o departamento de secretaría, indispensábel, como dixemos, en calquera centro educativo das dimensións do Pérez Viondi.

Por outra parte, os nacionalistas da Estrada instamos ao alcalde a buscar unha solución a este problema, que baixo ningún concepto pode supoñer unha demora na ocupación das aulas docentes, así como outros departamentos, cuxa comunidade educativa xa levan case un ano padecendo os problemas derivados desta obra. O problema creouno a consellaría por aprobar un proxecto pouco acaido á realidade do centro, e ten que ser a consellaría quen o solucione cos menores prexuízos posíbeis para os alumnos, os pais e nais e o equipo docente.

Neste sentido, as preguntas rexistradas polo BNG no Parlamento Galego, tratarán non só de esclarecer que pasou con este proxecto, por que se aprobou sen contar cos elementos esenciais para o funcionamento normal dun colexio, senón que demandarán da consellarían unha solución a este despropósito o antes posíbel.

Xa para rematar, agardamos, non só do alcalde, senón da propia Consellaría de Educación, que a solución non pase por ubicar a secretaría nun corredor, espazo que ocupou durante os últimos meses, senón que se lle busque un espazo decente para desenvolver o seu traballo con normalidade.

Advertisements