A ampliación da Alameda será un lastre económico para o concello


A indemnización solicitada pola familia Campos e a ampliación prevista polo PP hipotecarán a execución do PXOM actual

Alameda da EstradaO consello local da Estrada reuniuse onte pola noite para, entre outras cuestións, tratar a reclamación presentada pola familia Campos reclamando a responsabilidade patrimonial do concello a respecto do terreos contiguos á Alameda da vila.

Como xa indicamos en múltiples ocasións, o BNG da Estrada considera un despilfarro e unha hipoteca inasumíbel para o concello acometer a ampliación da Alameda tal e como prevé o Partido Popular. No canto disto, o BNG considera moito máis útil para os veciños e veciñas da Estrada, e por suposto, máis económico, dotar o casco urbano con distintas zonas verdes, e mellorar a calidade urbana da vila, no canto de se centrar nunha soa e puntual actuación. Ao mesmo tempo, estas zonas verdes repartidas pola vila levarían aparelladas aparcadoiros públicos, o que facilitaría o aparcamento de vehículos en superficie; dando resposta tanto á cidadanía que reside na vila coma ao comercio e ás necidades de aparcadoiro que require o carácter administrativo e comercial da Estrada como cabeceira de comarca.

O escrito presentado pola familia Campos demandando ao concello pola responsabilidade patrimonial perdida é froito das chapuzas reiteradas do PP a respecto do ordenamento urbanístico do concello. Teríamos que remontármonos ao último goberno de Ramón Campos para atopar o cerne deste problema, onde, e precisamente a consecuencia del, acadou un papel destacado o actual alcalde da Estrada, daquela concelleiro novel con aspiracións que formaba parte da Xunta de Goberno Local.

As fendas legais polas que podería prosperar a demanda xudicial, de habela, deixa en moi mal lugar ao Partido Popular como único responsábel dunha indemnización que lle custaría ás arcas do concello preto de dous millóns de euros. Se a isto lle engadimos o desorbitado proxecto da ampliación da Alameda previsto polo actual alcalde, as arcas públicas quedarán moi mal paradas e hipotecarán non só toda execución do PXOM actual, senón tamén calquera política de promoción económica que desde o concello se quixera impulsar.

Neste sentido, reiteramos o noso posicionamento a respecto da ampliación da Alameda, que consideramos un auténtico despropósito, apelando a un reparto ordenado das zonas de lecer, que beneficie a toda a vila e non a unha soa parte.

Advertisements