O alcalde cando non sabe que dicir, insulta


“É economicamente inviábel afrontar por unha banda unha indemnización multimillonaria dos terreos da alameda e ao mesmo tempo acometer unha ampliación e a súa correspondente urbanización, cuxo custe superará amplamente as seis cifras, e iso é algo que até un neno pequeno o entende, agás o Sr. López, claro”

Proxecto do PP de ampliación da Alameda

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, pediulle ao alcalde da Estrada que “se non ten argumentos políticos e técnicos suficientes para rebater as propostas do BNG a respecto da ampliación da Alameda, polo menos non insulte, que é único que saben facer no PP cando non teñen que dicir”.

“Neste sentido”, indicou o concelleiro nacionalista, “reiteramos que é economicamente inviábel afrontar por unha banda unha indemnización multimillonaria dos terreos da alameda e ao mesmo tempo acometer unha ampliación e a súa correspondente urbanización, cuxo custe superará amplamente as seis cifras, e iso é algo que até un neno pequeno o entende, agás o Sr. López, claro”.

“Por outra parte,” engadiu o concelleiro do BNG, “o alcalde presume da súa capacidade de xestión para salvar a ampliación da Alameda, mais esta xa se demostrou coa Variante, coa Cidade do Móbel, etc, estes si que son proxectos de futuro e de creación de emprego que non acaban de ver a luz e non a verán mentres siga a gobernar o PP”.

“Iso si”, explicou Magariños, “o alcalde pode dicirse que é o campión das chiringuitadas como o campo de fútbol ou esta ampliación da alameda, que, reiteramos, ambos hipotecarán o concello durante moitos anos, e o tempo, coma sempre, daranos a razón, aínda que sexa demasiado tarde”.

A Deputación só desbroza por onde pasa a volta ciclista
Paseo do AlcaldeO concelleiro do BNG, Xosé Magariños, tamén engadiu que “a capacidade de xestión de presión políticas do alcalde é nula, logo de ver como a Deputación de Pontevedra non acomete os desbroces das estradas que son da súa competencia, agás por aquelas nas que pasou a volta ciclista”.

“Así,” explicou Magariños, “os veciños e veciñas do rural, como por exemplo en San Xiao de Vea ou Vinseiro, ven alarmados como a vexetación invade os viais da Deputación, unha vexetación que non se desbroza nin sequera canto teñen festas na parroquia”.

“Para rematar”, engadiu Magariños, “pídolle ao alcalde que baixe do Papamóvil, que pise as parroquias, que pise a realidade, porque el, por moito que saúde desde o coche oficial da volta ciclista non é Mr. Marshall nin A Estrada é a Villar del Río de Berlanga”.

Advertisements