Os nacionalistas piden “xustiza” e o “dereito a pensións dignas” para as persoas que no seu momento tiveron que emigrar e puideron voltar a Galiza


Máis de cen persoas afectadas déronse cita, nesta primeira asemblea, para atallar esta inxustiza recadadora planificada polo PP dende o Ministerio de Facenda

Asemblea informativa pensión emigrantes retornadosO BNG organizou unha asemblea informativa para todas aquelas persoas afectadas e interesadas polos requirimentos que se están enviando dende a Axencia Tributaria Española a quenes estiveron emigrados e emigradas e que perciben pensións dende outros países. Interviron os parlamentarios do BNG Carme Adán e Xosé Lois Leirós, como representante da plataforma de afectados do Salnés.

O BNG organizou unha asemblea informativa para todas aquelas persoas afectadas e interesadas polos requirimentos que se están enviando dende a Axencia Tributaria Española a quenes estiveron emigrados e emigradas e que perciben pensións dende outros países.

Todos os emigrantes que reciben pensións de dous estados e que teñen uns ingresos superiores a 11.200 € anuais están recibindo requirimentos polos ingresos recibidos dende o ano 2008. Os pensionistas que só cobran pensións do estado español non están obrigados a tributar se os seus ingresos non superan os 22.000 € anuais. Este mecanismo recadatorio foi posto en marcha polo Ministerio de Facenda a principios deste ano 2013.

Asemblea informativa pensión emigrantes retornadosMilleiros de emigrantes galegos retornados, con pensións do estranxeiro, están a recibir estes requirimentos da Axencia Tributaria Española con comunicación de posíbeis sancións. O afán recadatorio da facenda española fixo que no primeiro mes, dende que empezaron a enviar estes requirementos, xa recaudaran máis de 3 millóns de euros entre os emigrantes galegos. Xosé Lois Leirós asegurou que “en pleno século XXI é inadmisible que persigan aos que tivemos que emigrar, aportar divisas e vivir do noso traballo mentres aos auténticos defraudadores fiscais concédeselles a amnistía dende o Goberno español”.

O BNG organizou esta asemblea informativa xa que as afectadas e afectados descoñecían estas obrigas tributarias. Para os nacionalistas “esta decisión é inxusta e o feito de impoñer sancións é inmoral por que afecta a un colectivo que percibe pensións baixas despois de traballar toda unha vida”. Agora a Facenda do estado español obriga aos afectados e afectadas a facer unha declaración dos ingresos percibidos dende o ano 2008 e pagar a totalidade resultante nun prazo de 10 días.

A deputada do BNG, Carme Adán, deu conta das iniciativas no Parlamento Galego pedindo que se revogen os expedientes de cobro xa iniciados así como a anulación dos expedientes sancionadores. Outra das demandas dos nacionalistas van contra o cobro abusivo de intereses de demora por parte da Axencia Tributaria Española. O BNG solicitará, do Goberno español, unha modificación da Lei para garantir a igualdade de trato para os emigrantes retornados.

Constitución dunha plataforma
Porén, alén das iniciativas políticas que o BNG poida presentar nas distintas institucións onde ten representación, a deputada do BNG, Carme Adán, considerou vital a constitución dunha plataforma social que presione na rúa para conseguir o fin desexado por todas e todos, que non é outro que a revogación dos expedientes xa iniciados, a anulación dos expedientes sancionadores, opoñerse ao cobro abusivo de intereses de demora por parte da Axencia Tributaria e a modificación da lei para garantir a igualdade de trato para as persoas emigrantes retornadas.

Neste sentido, nos próximos días un grupo de persoas asistentes ao acto do BNG, constituirán unha plataforma de afectadas e afectados por esta inxustiza para conseguir os obxectivos sinalados anteriormente, tendo como referente as plataformas de estafados polas preferentes e a que hai anos loitou na Estrada por unha contribución xusta para todos os estradenses.

Por outra parte, a deputada nacionalista tamén explicou que o BNG está a recibir correos electrónicos todos os días dando conta de verdadeiros dramas humanos provocados por esta inxustiza da facenda española, como o dunha familia que ten que afrontar un pago de máis de 20.000 euros, a todas luces insoportábel para calquera economía familiar nestes intres de crise económica.