O BNG presentará de urxencia a moción para recuperar a bonificación do IBI


A bonificación do IBI hai que facela xa e con carácter retroactivo a todo 2013

Se o PP aproba a bonificación só para 2014 significa que está máis preocupado por salvar a súa situación electoral que en solucionar os problemas dos estradenses

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, vén de anunciar que presentará por urxencia no vindeiro pleno do xoves 3 de outubro a moción que presentou a semana pasada para recuperar aprobación da bonificación do IBI revogada en 2011 polo Partido Popular.

Xosé Magariños explicou que “foron moitos os veciños e veciñas da Estrada que nos pediron que deramos este paso para conseguir xa, este ano, a bonificación e con carácter retroactivo a todo este 2013 porque a situación en moitas casas é absolutamente insostíbel”. “En moitas casas da Estrada,” engadiu o concelleiro nacionalista, “ademais de ter que soportar a escandalosa subida dos impostos municipais aprobada polo PP, víronse atrapados pola estafa das preferentes e por riba os requirimentos da axencia tributaria aos emigrantes, fan que a situación de moitas familias sexa dramática”.

“Por outra parte”, indicou Xosé Magariños, “estamos a ver con preocupación as manobras do alcalde para salvar esta situación e pensamos que teñen máis de propagadísticas, de facer que fai, que de resolver realmente este problema”.

“Neste sentido”, explicou o concelleiro do BNG, “de pouco vale que lle vaia chorar a Feijóo ou que se arrastre polo catastro suplicando unha solución, cando a solución tena da súa man; por unha banda, pode darlle instrucións aos seus concelleiros para apoien esta moción do BNG, e por outra pode instar aos deputados do PP a presentar algunha iniciativa no Congreso para conseguir rebaixar o tipo impositivo modificado polo Real Decreto Lei 30/2011; así de sinxelo!”

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños indicou que “moito nos tememos que estas manobras non van servir para solucionar xa o incremento do IBI deste ano e a bonificación que anuncia o alcalde para 2014 teña máis a ver coas eleccións municipais do ano seguinte, que con resolver de xeito inmediato esta situación”.

“O alcalde está máis preocupado en salvar a súa situación electoral de cara a 2015 que en resolver xa os problemas dos veciños e veciñas da Estrada que non van a poder facer fronte a unha contribución que os está a asfixiar economicamente”, afirmou o concelleiro do BNG.

Finalmente Xosé Magariños amósase confiado na resposta positiva por parte do PP e do PSOE a esta moción do BNG, e fixo un chamamento a todos os veciños e veciñas da Estrada a acudir ao próximo pleno do xoves 3 de outubro (20:30h), porque segundo explicou o concelleiro nacionalista “a experiencia tennos demostrado que coa presión social suficiente pode conseguirse cambiar calquera inxustiza como esta de subir un 140% a contribución; o BNG sendo minoritario en 2004 conseguiu aprobar unha bonificación que estivo vixente até que o PP a revogou; agora é o momento de repetir a operación e agardo que esta bonificación e a súa retroactividade que os estradenses están agardando como auga de maio conte co apoio de todas as fozas políticas do concello”.