5.000 euros para a Variante son unha nova burla e un insulto do PP á Estrada


variante
Os orzamentos que o Estado Central adicará á Estrada en 2014, son absolutamente incualificábeis; 5.000 euros para a Variante son unha nova burla e un insulto e demostra que o Sr. López é un cero á esquerda dentro do Partido Popular ao ser incapaz de conseguir executar unha Variante, que é absolutamente necesaria.

Con este novo ninguneo e co seu silencio cómplice demostra que López non pinta nada, demostra que non é un alcalde da Estrada que pelexa polo seu concello, senón que é un alcalde do PP que se prega aos caprichos e aos deseños que fai Madrid para A Estrada e para Galiza.

Malia esta burla do PP á Estrada non agardamos milagres por parte deste partido. Nin sequera agardamos que o alcalde e os deputados que del dependen presenten emenda algunha para que a execución da Variante sexa unha realidade, xa que nunca o fan cando gobernan en Madrid, pregándose así ás necesidades orzamentarias do Ministerio que dirixe Ana Pastor.

Por outra parte, e para mostra de que con este alcalde do PP A estrada está ninguneada nos orzamentos do estado, temos que recordar que hai uns meses aprobouse por unanimidade o arranxo da entrada a autoestrada Santiago-Ourense no Alto da Rocha, e esta obra menor nin sequera figura no orzamento estatal, demostrando así o escaso peso político do alcalde da Estrada.

O BNG non se deixará levar por esta dinámica de complacencia do PP cos orzamentos da Estrada, e presentaremos, como sempre fixemos, as correspondentes emendas que deberían servir para dotármonos dunha infraestrutura historicamente demandada. É a nosa responsabilidade presentar estas emendas, do PP só agardamos que, polo ben da Estrada, como mínimo as teñan en conta no Congreso dos Deputados e as voten favorabelmente.

Advertisements