O alcalde da Estrada é o tonto útil de Louzán


O concello da Estrada volve a asumir os custes dunha obra que é competencia exclusiva da Deputación de Pontevedra

O concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, logo de coñecer os convenio entre o concello e a Deputación de Pontevedra para a mellora da estrada provincial Callobre-Balboa, indicou que “non é a primeira vez, e polo que se ve, tampouco será a última que o concello da Estrada asume os custes dunha obra que é de competencia da Deputación de Pontevedra”.

“Como nos sobran os cartos”, ironizou o concelleiro do BNG, “agora pagamos obras que son de competencia exclusiva da deputación, cando deberían ser asuminda integramente polo ente provincial”.

“Segundo o convenio entre o concello e a deputación para mellorar a estrada Callobre-Balboa”, explicou Xosé Magariños, “A Estrada pagará case 700.000 euros dos 1.700.000 euros que custa o arranxo, é dicir, o 41% da obra”. “E como dixemos, non é a primeira vez”, engadiu Magariños, “as beirarrúas de Codeseda e a ponte sobre o regato Caldeirón en Barcala (obra anunciada hai un ano e aínda non iniciada) son outra mostra de que como o concello paga as obras que tería que facer a deputación de Pontevedra, presidida polo Sr. Louzán”.

“Para que nos serve a Deputación aos estradenses?”, pregúntase o concelleiro do BNG”, “polo que vemos para nada; pois o único que demostra é que o seu interese prioritario é facer obras que non interesan a ninguén, como o campo de futbol. Mentres que as obras que si lles interesa aos estradenses como esta do arranxo da estrada Callobre-Balboa, e que dependen da deputación, témolas que pagar cos recursos do concello; recursos que nestes momentos de crise teñen que ir destinados as competencias que ten o concello, non ás que son doutras administracións”.

“Mais os despropósitos non rematan aí”, afirmou o concelleiro do BNG, “segundo o convenio o noso concello farase cargo do mantemento das beirarrúas da estrada Callobre-Balboa, o que demostra que o este alcalde é o tonto útil de Louzán, que, no canto defender os intereses da Estrada defende os intereses da deputación”.