Os Orzamentos da Xunta de 2014 como os do Estado, pasan de longo pola Estrada


López é un alcalde submiso e indigno para A Estrada por non ser quen de enfrontarse co seu partido para defender o noso concello

sumisión_

O consello local do BNG da Estrada reuniuse na noite de onte para analizar os orzamentos da Xunta para 2014. A conclusión á que chegamos, unha vez máis, é que o PP está empeñado en afogar os sectores produtivos da Estrada en particular, e en xeral os de toda Galiza, xa que non hai unha soa partida para a reactivar economicamente os nosos sectores produtivos máis importantes como son o agro-gandeiro e o sector do móbel.

O Partido Popular segue a apostar entidades como a AXEGA, que nada aporta á economía local, fronte aos investimentos na economía real, que é do que vive o 99% da poboación da Estrada, como pode ser reactivar a Cidade do Móbel, que dorme o soño dos xustos desde que o PP goberna a Xunta de Galiza.

Xa non nos sorprende en absoluto o papel submiso do alcalde do noso concello, que no canto de pelexar e criticar abertamente polo tratamento que dá o seu partido á Estrada, limítase a laiarse perante o presidente da Xunta por cuestións que non son da competencia deste (IBI), como aconteceu na súa recente entrevista do rexedor municipal con Feijóo.

O noso concello leva xa seis anos coa lousa dun goberno do PP na Xunta de Galicia que López non quere apartar para non enfadar aos seus, que xa o toman polo “pito do sereno”.

López é un alcalde submiso e indigno para A Estrada por non ser quen de enfrontarse co seu partido para defender o noso concello, xa que non estamos a falar só dos orzamentos da Xunta, senón tamén dos do Estado, onde xa o PP demostrar rirse dos estradenses ao orzamentar só 5.000 euros para a Variante.