Subir un 10% os valores catastrais é unha barbaridade e unha irresponsabilidade


No BNG seguiremos apostando pola recuperación da bonificación aprobada en solitario polo BNG en 2004 e revogada en 2011 polo PP

casa

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, compareceu hoxe en rolda de prensa para explicar o posicionamento da fronte nacionalista a respecto da bonificación do IBI que está a preparar o grupo de goberno do Partido Popular. Segundo explicou o concelleiro nacionalista, “o alcalde e o PP non saben onde se están a meter, é un auténtico despropósito subir os valores catastrais para conseguir unha bonificación, que a corto ou medio prazo pode significar o estoupido dunha auténtica bomba de reloxería, de aprobarse esta medida nos termos anunciados polo alcalde”.

Xosé Magariños explicou que “o problema que ten a Estrada desde o ano 1997, cando se aprobou a escondidas a ponencia de valores actual, é que temos uns valores catastrais elevados, segundo o informe pagado polo propio concello”. “O valor catastral dunha vivenda non pode superar o 50% do valor de mercado”, explicou o concelleiro nacionalista, “e, xa non só polo citado informe, senón que temos constancia de veciños e veciñas con vivendas no centro da vila con valores catastrais que supoñen o 50% ou o 70% do valor de mercado”.

“Neste contexto”, afirmou o concelleiro do BNG, “subir un 10% máis os valores catastrais é unha unha auténtica barbaridade e unha irresponsabilidade por parte deste alcalde que non sabe o que se trae entre mans, porque nada impide que ao cabo duns meses o goberno de Madrid, tamén en mans do PP, suba os tipos impositivos como fixo en 2011, nada máis tomar asento na Moncloa”.

“Polo tanto”, explicou Xosé Magariños, “se o PP continúa con esta irresponsábel medida, o BNG estará absolutamente en contra e realizaremos unha asemblea informativa para dar conta aos veciños e veciñas das consecuencias que terá para o futuro o incremento 10% dos valores catastrais”.

“O BNG segue a defender que mentres non haxa unha nova ponencia de valores que reflicta o valor real dos inmóbeis, nós seguiremos apostando pola recuperación da bonificación aprobada en solitario polo BNG en 2004 e revogada en 2011 polo PP”, afirmou o concelleiro nacionalista. “E por suposto”, engadiu Magariños, “defenderemos o carácter retroactivo desta medida a todo este ano 2013”.

Advertisements