Subir os valores catastrais é botar máis leña ao lume


O BNG organiza o vindeiro martes 5, ás 20,30 h, unha reunión informativa aberta a todos os veciños e veciñas para explicar a problemática do IBI e a proposta do BNG

943718_717050048324492_936570588_nXosé Magariños, concelleiro do BNG, afirmou esta mañá que “o concelleiro de Facenda, Alberto Blanco, debía deixar de lado o oportunismo político e centrarse no problema que ten A Estrada co IBI, un problema co que levamos moitos anos pelexando desde que o PP aprobou a escondidas en 1997 unha ponencia de valores que inflou os valores catastrais do noso concello”.

“Neste sentido,” explicou o concelleiro nacionalista, “o Sr. Blanco debía coñecer o informe elaborado polo concello en 2004, no que se analiza a valoración catastral na Estrada e conclúe sen lugar a dúbidas, que temos un problema de sobrevaloración; polo tanto, subir os valores catastrais non é a solución é botar máis leña ao lume”.

“Así que,”, afirmou Xosé Magariños, “pídolle ao concelleiro de facenda que se centre no que ten entre mans, deixe de mirar para Lalín, que, como el mesmo indica, nada ten a ver coa Estrada, e busquemos unha solución realista, adecuada á nosa realidade que é moi particular, e que non prexudique aos veciños e veciñas a medio e longo prazo”.

Reunión informativa
“Aos nacionalistas preocúpanos e moito a proposta que vai aplicar o PP, que en absoluto é a máis adecuada para resolver o incremento dos recibos da contribución”, explicou Magariños. “Neste sentido,” engadiu, “a nosa responsabilidade non só é a de facer unha proposta que xa explicitamos en reiteradas ocasións, senón tamén é a nosa responsabilidade alertar aos veciños e veciñas da Estrada do que pode supoñer para os nosos petos se o PP sobe os valores catastrais dos inmóbeis como ten pensado”.

“Aproveitamos a ocasión para comunicar”, explicou o concelleiro do BNG, “que o vindeiro martes 5 de novembro, ás 20,30h, no Teatro Principal, faremos unha reunión informativa aberta a todos os veciños e veciñas onde explicaremos as consecuencias da medida que pretende aplicar o grupo de goberno do PP, así como a nosa proposta que pasa por recuperar a bonificación do IBI aprobada en solitario polo BNG en 2004 e revogada en 2011 polo PP”.