A cesión do cobro ao ORAL de todos os impostos e taxas municipais suporá un custe de 408.000 € que pagaremos todos e todas


A Estrada ten capacidade para cobrar o 100% dos impostos, só é cuestión de vontade política

A_Estrada.Galicia.Concello470

Xosé Magariños, concelleiro do BNG, afirmou hoxe en rolda de prensa que “se o goberno municipal leva adiante a proposta que fixo hai uns días o alcalde de cederlle ao ORAL o cobro de todas as taxas e os impostos municipais, estarase perpetrando a maior estafa que viu A Estrada en moito tempo”.

“Segundo os nosos cálculos, tirados do orzamento de 2013”, explicou o concelleiro nacionalista, “neste ano pagarémoslle ao ORAL polo cobro que fai de impostos como o IBI, uns 190.000 euros”. Para o concelleiro do BNG “é un escándalo que se pague tanto por algo que pode facer perfectamente o concello”.

“Porén, se prospera a brillante idea do alcalde de cederlle ao ORAL o cobro de todos os impostos e taxas municipais”, engadiu o Xosé Magariños “a cifra dispararase até o 408.000 euros”.

“No BNG,” afirmou o concelleiro nacionalista, “pensamos que isto é un verdadeiro disparate, xa que por exemplo, estaremos pagándolle ao ORAL máis do que ten previsto gastar o concello en asfaltados no rural en 2014, un auténtico despropósito e unha estafa a todos os estradenses!”.

Segundo explicou Xosé Magariños “cobrar os impostos e taxas municipais non lle sae gratis ao concello, -112.000 € por recadar directamente o 54% dos impostos-, mais entendemos que pagarlle 408.000 ao ORAL da Deputación de Pontevedra é unha auténtica estafa, porque o concello ten capacidade para cobrar directamente os seus impostos e taxas municipais, só é cuestión de vontade política, cousa que da que carece o PP”.

“Non sabemos que tipo de escuros intereses ten o alcalde co señor Louzán, pero as súas ambicións persoais non as debía mesturar cos intereses de todos os estradenses, porque está claro que son incompatíbeis”. “Como xa temos dito en moitas ocasións a respecto da particular relación que ten o alcalde coa Deputación de Pontevedra”, engadiu Magariños, “as prioridades de ambas institucións gobernadas polo PP, como vimos no asunto do novo campo de fútbol, non coinciden coas prioridades que teñen os estradenses”, explicou Xosé Magariños.

“Por outra parte”, engadiu o concelleiro nacionalista, “o alcalde da Estrada está seguindo ao pé da letra o catecismo centralista imposto polo PP madrileño, que consiste en darlle máis e máis poder ás deputacións, unhas institucións escura se predemocráticas, que ten como única finalidade privatizar servizos cuxas consecuencias pagaremos todos e todas”.

“Desde o BNG esiximos ao alcalde que non só dea marcha atrás neste despropósito, senón estabeleza un plan para a medio prazo recuperar para o concello o cobro do 100% dos impostos e taxas municipais, co que teríamos máis recursos económicos para acometer investimentos, co cal estariamos dándolle aos veciños e veciñas uns mellores servizos”, explicou Xosé Magariños.

“Neste sentido,” engadiu o concelleiro do BNG, “temos que recordar que foi o BNG quen na etapa do cogoberno municipal, hai pouco máis de dous anos, recuperamos a recadación municipal que estaba en mans privadas, o que supuxo un importante aforro para as arcas municipais e redundaría na prestación de mellores e máis servizos a todos os veciños e veciñas”.

“No BNG,” explicou o concelleiro nacionalista, “entendemos que os gobernos municipais teñen que traballar de forma eficiente, mirando escrupulosamente onde se gasta cada céntimo dos impostos que lle recadan aos cidadáns, e, polo que estamos vendo, as prioridades do PP van por outro camiño”.