O alcalde non ten vontade política para defender os intereses da Estrada e si para defender os da deputación


O concello ten traballadores e traballadoras suficientes para asumir o 100% da recadación do concello

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, logo da resposta do alcalde á denuncia feita polo BNG sobre o custe que tería para o concello a transferencia ao ORAL do cobro de todos os impostos e taxas, afirmou que “o PP, e en concreto o alcalde, está entregando o concello á deputación en bandexa de prata como pago á ambición persoal do Sr. López”.

“O PP madrileño está poñendo en práctica o seu deseño recentralizador das estruturas do Estado, mais aquí na Estrada vemos que o alcalde asume ese deseño con entusiasmo, abandeirando desde o Concello da Estrada o baleirado de competencias dos concellos para facer feliz a Louzán”, explicou Xosé Magariños.

O concelleiro nacionalista afirmou que “non vemos en ningún dos grandes concellos, nin siquera nos concellos limítrofes ese entusiasmo por ceder competencias, e moito menos unha tan importante como a recadación”. “Acabaremos sendo un protectorado da deputación de Pontevedra, cun alcalde títere cuxos fíos move Louzán”, explicou Magariños, quen tamén lamentou que “O Alcalde recorra á mentira indicando que a recadación subiría nun 20%, cando é público que a recadación se sitúa por enrriba do 90% no noso concello” .

Xosé Magariños insistiu en que “os datos que demos a coñecer o martes pasado están sacados dos orzamentos do concello, e ao BNG dálle igual que sexan 400 ou 300.000, é unha cifra escandalosa, unha estafa, por un traballo que poden perfectamente asumir os traballadores e traballadoras do concello”.

“Neste sentido,” engadiu o concelleiro do BNG, “temos unha plantilla de persoal suficiente, se fora necesario mesmo se pode recolocar e formar persoal para que asuma funcións no departamento recadación”. “Como dixemos o outro día”, afirmou o concelleiro nacionalista, “é cuestión de ter vontade política, máis a vontade de López é facer meritos diante de Louzán, no canto de defender os intereses de todos os estradenses”.

A carta do alcalde
O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, tamén aproveitou para referirse á carta asinada polo alcalde, que nestes días están recibir os veciños da Estrada. Para o BNG esta carta, na que informa da aprobación do PXOM “non só é un despilfarro nestes tempos que corren, senón que debía estar pagada polo PP, xa que o texto é un panfleto propagadístico deste partido pagados con cartos de todas e todos.”

“Queremos saber canto leva gastado o goberno municipal nesta campaña publicitaria con despregue de anuncios nos medios de comunicación, vallas publicitarias e cartas”, explicou Magariños. “Nestes sentido, nos próximos días rexistraremos escrito demando unha resposta por escrito no que se debullen claramente as cifras desta campaña.”

Advertisements