A subida dos valores catastrais por parte do goberno municipal do PP é un erro que pagaremos moi caro


O BNG pon os recibos da contribución a clareo para evidenciar o cabreo da maioría dos estradenses

reciboclareo1O BNG da Estrada levou a cabo hoxe sábado unha acto reivindicativo e de denuncia pola subida do IBI. Baixo o título “Poñamos os recibos da Contribución ao Clareo”, os nacionalistas estradenses quixeron explicitar publicamente o malestar de boa parte dos veciños e veciñas da Estrada pola desproporcionada suba do recibo do IBI dos dous últimos anos.

O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, explicou que “dez anos despois do inicio do peche do IBI que deu unha solución temporal, entre 2004 e 2011, ao problema da sobrevaloración catastral existente na Estrada, estamos agora peor que antes, xa que o PP bota máis leña ao lume subindo un 10% uns valores catastrais que xa están moi elevados, como xa ten demostrado o informe encargado polo propio concello en 2004”.

reciboclareo2“Temos que recordar”, afirmou Magariños, “que este problema provocouno o PP ao eliminar por unha banda a bonificación aprobada en solitario polo BNG en 2004, e ao aprobar o goberno de Mariano Rajoy unha subida dos tipos impositivos, que na Estrada, coa conxunción destas dúas medidas provocou a subida dun 140% nos recibos da contribución e está a provocar unha sangría económica a moitos traballadores e pensionistas do noso concello”.

“Malia os cantos de serea do PP,” explicou o concelleiro do BNG, “cos que tenta tranquilizar a unha boa parte da súa base electoral, a solución adoptada polo PP non só é temporal, senón perigosa, xa que ao cabo de dous anos atoparémonos cuns valores catastrais máis elevados aínda e a expensas do que poida decidir o goberno central como xa fixo en 2011”.

reciboclareo3“Para atallar este problema, nos reiteramos a nosa proposta de recuperar a bonificación do 37,5% en todos os recibos do IBI e con carácter retroactivo a todo 2013”, explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “mais tamén vamos máis lonxe”, engadiu, “xa que se se poden subir os valores catastrais, tamén se poden baixar, tendo en conta desde o estoupido da crise económica o valor dos inmóbeis baixo, como así o indican todas as estatísticas, o lóxico é decretar unha baixada xeneralizada dos valores catastrais, cousa que tería que facer o goberno central”.

“Mais moito nos tememos no BNG que o PP non fará nin unha cousa nin a outra”, afirmou Magariños, “o PP o que quere e recadar máis e máis a expensas do sacrificio de todos e todas, porque hai que pagar campos de fútbol, hai que despilfarrar en mobles de luxo, e porque o alcalde é o fiel lacaio de Louzán, que agora é quen recada os impostos na Estrada e ten que manter o seu nivel de ingresos.”

Advertisements