Se o alcalde non recupera a Torre e o Pazo de Guimarei é porque non quere


Xa nos gustaría a todos os estradenses que o alcalde puxera o mesmo entusiasmo en traer a volta ciclista á Estrada, que en presionar por cousas verdadeiramente importantes para o noso futuro colectivo como a Torre e o Pazo de Guimarei, como a Cidade do Móbel, a Variante, etc, etc

torre-470

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, manifestou esta mañá que “entendemos perfectamente que o concello non poida asumir a compra da Torre de Guimarei, pero en reiteradas ocasións o BNG presentou emendas aos orzamentos da Xunta e do Estado para recuperar non só a Torre senón tamén o Pazo, e o PP sempre votou en contra”.

Magariños afirmou que “non podemos tolerar que veña agora o alcalde a laiarse por algo que estaba nas súas mans; se a Torre e o Pazo de Guimarei non son públicos xa é por que o PP non quixo nin quere recuperar estes elementos arquitectónicos e culturais singulares que ten A Estrada”. “Por outra parte,” engadiu o portavoz municipal do BNG, “non ten lóxica algunha se plantexen investimentos para a posta en valor duns terreos que son privados”.

“Xa nos gustaría a todos os estradenses,” engadiu o concelleiro nacionalista, “que o alcalde puxera o mesmo entusiasmo en traer a volta ciclista á Estrada, que en presionar por cousas verdadeiramente importantes para o noso futuro colectivo como a Torre e o Pazo de Guimarei, como a Cidade do Móbel, a Variante, etc, etc”.

“Desde o BNG reiteramos, mais unha vez”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “a aposta que facemos en xeral por poñer en valor o noso patrimonio cultural e histórico, e en particular por recuperar a Torre o Pazo de Guimarei, que sirva non só para impulsar o turismo na Estrada, senón tamén para sentírmonos orgullos do noso pasado colectivo”.

“Pode ser que a volta ciclista traia algúns beneficios económicos para o concello”, explicou Magariños, “pero estes serán escasos e moi puntuais, é dicir, comida para hoxe e fame para mañá, e no BNG apostamos por xerar riqueza e oportunidades todos os días do ano”.