O BNG leva ao Parlamento Galego e ao Congreso os problemas do enlace coa AP-53 no Alto da Rocha


Mentres o alcalde está preocupado pola volta ciclista e polo campo de fútbol, o BNG preocúpase pola mellora das nosas comunicacións

Cruce do Alto da Rocha

Cruce do Alto da Rocha

O BNG da Estrada vén de anunciar, a través do portavoz municipal, Xosé Magariños, que leva ao Parlamento de Galiza e ao Congreso cadansúa iniciativa a respecto do enlace coa autoestrada AP-53 no Alto da Rocha.

Segundo explicou Magariños “mentres o alcalde está preocupado pola volta ciclista e polo campo de fútbol, o BNG preocúpase pola mellora das nosas comunicacións, e en concreto pola mellora do enlace da AP-53 no Alto da Rocha, cuxa mellora foi solicitada por unanimidade do pleno en 2011 e desde aquela até hoxe ningunha das dúas administracións implicadas, Xunta e Goberno Central, ambas en mans do PP, nada fixeron ao respecto”.

O concelleiro nacionalista explicou que “é moi evidente o problema que ten A Estrada co enlace co AP-53, o único que temos cunha vía de alta capacidade e este é inútil para os grandes camións, que non a poden utilizar sen poñer en risco a súa seguridade e a dos demais, tendo que desprazarse até Chapa, no concello de Silleda para tomar esta autoestrada”.

“Con estas iniciativas, tanto no Parlamento Galego como no Congreso”, engadiu Magariños, “o BNG quere coñecer en primeiro lugar as administracións implicadas teñen constancia do problema e os prazos para solucionar este enlace”.

“Neste sentido”, explicou o concelleiro nacionalista, “a iniciativa no Congreso, a parte dunha serie de preguntas sobre os problemas deste enlace, o BNG presentou unha proposición non de lei, instando ao Goberno Central a acordar coa Xunta de Galicia, titular da vía PO-505, a reforma urxente do enlace coa N-640 no Alto da Rocha, debido ás graves deficiencias que presente que impiden o tránsito de vehículos pesados”.

“Estas son as cuestións polas que debía estar preocupado o alcalde, xa que A Estrada ten un problema evidente nas súas comunicacións, e a única conexión que ten o concello cunha autoestrada non a poden utilizar os camións pesados por mor do seu deseño”, explicou Magariños. “Agardemos que o alcalde utilice poña o mesmo entusiasmo para solucionar este problema, que o que pon para outras cousas menos interesantes economicamente para todo o concello”, afirmou o concelleiro do BNG.