A e-administración non nos sae de balde, xa a pagamos dúas veces


“Xa van sendo horas de dar explicacións por tirar con 120.000 euros, os veciños e veciñas queren unha explicación e que se depuren as responsabilidades que se teñan que depurar”

HIDDEN_264_8865_FOTO_e-administracion2Xosé Magariños, portavoz municipal do BNG, considera positiva a posta en marcha da e-administración no concello, pero considera que “chega con case sete anos de retraso, xa que esta tiña que estar en funcionamento desde agosto de 2007, tal e como figuraba nos pregos de contratación desta ferramenta informática, adxudicada á empresa Coremain nos últimos estertores do nefasto goberno de Ramón Campos, no pleno do padroado da Fundación Cultura A Estrada de novembro de 2006”.

Xosé Magariños explicou que “A e-administración era, xunto coa wifi municipal, un dos plans estrela da Estrada Dixital, un proxecto que recibiu máis de catro millóns de euros en aportacións de diñeiro público da administración local, da provincial, da galega e do Goberno Central”. E engadiu, que “a e-administración, adxudicada en 2006, malia custar 120.000 euros nunca se puxo en marcha, polo que os estradenses pagamos por algo que nunca se chegou a utilizar”. “Isto na miña casa chámase tirar cos cartos”, espetou o concelleiro nacionalista.

“En reiteradas ocasións pedimos explicacións polo retraso na posta en marcha da e-administración municipal, ben no seo da Fundación, a través do noso representante, Xosé Manuel Baños, como no pleno da corporación municipal”, explicou o concelleiro do BNG, “pero nunca se nos deu explicación algunha por non estar en funcionamento da administración dixital, malia estar pagada desde 2007”.

“E sinceramente”, afirmou Magariños, “xa van sendo horas de dar explicacións por tirar con 120.000 euros, os veciños e veciñas queren unha explicación e que se depuren as responsabilidades que se teñan que depurar, porque non é de recibo subir os impostos municipais para logo gastar alegremente os cartos públicos que son de todas e todos”.

“Por outra parte,” afirmou Xosé Magariños, “pídolle ao concelleiro de facenda que sexa prudente nas súas declaracións, porque a e-administración non nos sae de balde, sáenos moi cara”. Así, o concelleiro do BNG explicou que “estamos a pagar a administración dixital dúas veces, unha a través do proxecto A Estrada Dixital, e outra a través da Deputación, que agora recada os nosos impostos e faise cargo da recollida do lixo”.

Advertisements