O alcalde non só ten que baixarse o soldo, senón prescindir de todas as dedicacións exclusivas


Xosé Magariños amosou hoxe o posicionamento do BNG a respecto da baixada de soldo do alcalde anunciada onte aos medios de comunicación. O concelleiro do BNG explicou que “á marxe da entrada en vigor da nova Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Función Pública, se temos en conta que agora o concello xa non recada os impostos e tampouco recolle o lixo, xa que todo isto pasou a mans da Deputación, é lóxico que o alcalde non só se baixe o soldo, senón que prescinda de todas as dedicacións exclusivas como xa pedimos non hai moitas semanas”.

“Por outra parte”, explicou Magariños, “vemos que o alcalde está preocupado polas eleccións municipais do próximo ano, porque xa non é a primeira vez que critica medidas aprobadas polo seu propio partido, neste caso a Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Función Pública, algo que non é exclusivo do alcalde da Estrada, xa que outros mandatarios do PP tentan poñerse a salvo da erosión provocada polas políticas do seu partido a nivel galego e madrileño”.

O concelleiro nacionalista pediulle ao alcalde que “sexa valente, que se dea de baixa do PP se tanto lle disgustan as súas políticas lesivas para os intereses dos traballadores, do comercio e e a pequena empresa, en definitiva, que atentan contra os intereses de toda a cidadanía.”

“Esta lei,” explicou Magariños, “terá consecuencias, non só no soldo do alcalde, senón nos servizos que presta o concello, que con toda seguridade veremos recortados, cando non suprimidos”. “Este é o importante” afirmou o concelleiro do BNG, “o resto, o do soldo, a baixa de soldo do alcalde é unha simple cortina de fume”.

“Militar no PP e formar parte da súa directiva provincial é asumir todas e cada unha das políticas que este partido está levando a cabo”, engadiu Magariños, “o resto é demagoxia barata”.

Advertisements