O PP afoga agora os autónomos e autónomas da Estrada


A suba das cotizacións sociais terá especial incidencia no emprego das 165.000 persoas empregadas polos autónomos e autónomas

77109_606461792736787_248110058_nO Goberno Central de Mariano Rajoy vén de dar unha nova volta ao parafuso para afogar aínda máis a economía de Galiza, incrementando as cotización sociais de todos os autónomos e autónomas, e en concreto de todos os que teñan dez ou máis traballadores e traballadoras”, afirmou o portavoz do BNG, Xosé Magariños.

“Hai que ter en conta”, explicou o concelleiro nacionalista, “que esta suba terá especial incidencia en Galiza que ten preto de 65.000 persoas autónomas, 2.200 na Estrada, co cal máis pronto que tarde esta suba nas cotización terá os seus efectos no emprego, afectando a máis de 165.000 persoas en Galiza”.

“Aínda que a suba é xeneralizada para todo os autónomos e autónomas, os que a sentirán con maior virulencia serán os que teñan máis dez traballadores, ao subirlle un 22% a respecto do que pagaban o ano pasado, arredor duns 60 euros máis ao ano”, engadiu o concelleiro nacionalista.

“Neste sentido,” afirmou o concelleiro nacionalista, “agardo que o malestar e cabreo que hai na rúa contra todas as reformas do PP que nos están empobrecendo a todos e todas, teñan eco no goberno municipal da Estrada e apoien a moción que vimos de rexistrar no concello para rexeitar rotundamente esta suba”.

O concelleiro do BNG afirmou finalmente “que esta é unha nova pinga, unha nova suba, que se suma á subida dos impostos -na Estrada sen ir máis lonxe-, da enerxía (luz, combustibles, …), etc, que o único que está a provocar e o afogamento da economía, mentres dan inxentes cantidades de diñeiro público para salvar as grandes empresas e os bancos”.

“Un dato revelador de que a situación do sector é mala,” engadiu o concelleiro nacionalista, “é que desde que se iniciou a crise en 2007 hai en Galiza 35.000 autónomos menos, segundo indican os datos oficiais e con subas como esta serán moitas máis”.

Advertisements