Se non lle poñemos remedio o IBI subirá outra vez en 2014


O alcalde xoga con lume porque non hai baixadas máxicas e automáticas; se non se modifica a ordenanza reguladora do IBI, este ano teremos unha nova suba

recibos clareo“A irresponsábel suba dos valores catastrais que aprobou o grupo de goberno do PP, terá como consecuencia unha nova suba do IBI para este ano se non se lle pon remedio”, indicou o portavoz do BNG no concello da Estrada, Xosé Magariños.

Magariños explicou nunha rolda de prensa celebrada hoxe venres que “o PP no lugar de solicitar do goberno central unha redución dos valores catastrais que reflicta a realidade do mercado inmobiliario, que segundo diversos estudos baixou entre un 40 e un 60%, o goberno municipal aprobou, amparándose no apartado 2 do artigo 32 do texto refundido da lei do catastro inmobiliario, un incremento dun 10% dos valores catastrais”. “Esta suba dos valores catastrais”, engadiu o concelleiro do BNG, “converterase en permanente até que se faga unha nova ponencia de valores, cousa que o goberno municipal non ten pensado levar a cabo no que queda de mandato”.

O concelleiro nacionalista explicou que “segundo López e os seus esta solución máxica faría baixar o recibo da contribución, ao baixar o tipo impositivo ao 0,4, pero esta suba dos valores catastrais pode ter o efecto contrario se non se modifica a ordenanza reguladora do IBI, porque non hai ningunha normativa legal que recolla a redución automática do tipo como ten afirmado o alcalde”.

“É máis”, afirmou Magariños, “se temos en conta que a disposición adicional decimoterceira do texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais di textualmente que “nos concellos nos que resulte de aplicación o previsto do artigo 32.2 do texto refundido da lei do catastro inmobiliario (o caso da Estrada), o prazo par aprobar e publicar o tipo de gravame do IBI amplíase até o 1 de marzo do exercicio en que se aplique o correspondente coeficiente”, o que ben a confirmar a necesidade de modificar a ordenanza con urxencia, que permita non só a súa aprobación, senón tamén a súa publicación antes de que remate o prazo que a citada disposición legal esixe.”

“O alcalde xoga con lume, xa o dixemos non hai moitas semanas”, explicou o concelleiro do BNG. “Neste sentido”, engadiu Magariños, “rexistramos unha moción que permita modificar a ordenanza reguladora do Imposto sobre Bens Inmóbeis do concello da Estrada, reducindo o tipo de gravame ao 0,275 que supón un incremento do 20% sobre o importe da cota do IBI do ano 2011 respectando deste xeito o disposto polo goberno central no Real Decreto-Lei 20/2011 para os anos 2012 e 2013 e a posterior prórroga para os anos 2014 e 2015, que fixa como obxectivo o incremento recadación sobre o 2011 do 10% os dous primeiros anos e outro 10% para os dous seguintes”.

“As medidas que se recollen nesta moción son legais, “explicou o concelleiro nacionalista, “o alcalde non pode parapetarse na presunta ilegalidade para afogar máis aínda aos veciños e veciñas da Estrada cunha nova suba do IBI, que se temos en conta as subas dos dous últimos anos equivalería a unha suba do 150% a respecto de 2011”.

“Con esta moción que presentamos hoxe”, afirmou Magariños, “poñeremos o IBI ao nivel de 2011 e, insisto, sen saltarse a lei”. “Xa é hora de poñer as cousas no seu sitio, “espetou Magariños, “logo de que o PP eliminara a bonificación do 37,5% aprobado en 2004 cos únicos votos do BNG, e logo de que o PP de Madrid subira os tipos impositivos en 2011, elevando o recibo do IBI a cotas insostíbeis para boa parte dos nosos veciños e veciñas”.

Por último o concelleiro do BNG, Xosé Magariños rematou a rolda de prensa dicindo que “a pelota está no tellado do PP, ou está cos veciños ou está contra eles, e de rexeitarse esta iniciativa non descartamos ningunha medida de presión na rúa que os estradenses, por outra parte, están demandando”.

Descargas: Moción IBI

Advertisements