O BNG leva unha vez máis ao Parlamento a mellora do acceso ao centro médico do Souto de Vea


Van alá dous anos desde que se aprobara por unanimidade a mellora e desde aquela nada se fixo

cruce-centro-medico

En febreiro de 2011, hai agora dous anos, o BNG levou ao Parlamento Galego unha iniciativa para mellorar o acceso ao centro médico de Souto de Vea. Xosé Magariños explicou que “daquela a iniciativa aprobouse por unanimidade de todas as forzas políticas, e instaba á Xunta a mellorar ese acceso, pero van alá dous anos e nada se fixo”.

“O único que temos son notas de prensa que anunciaban o inicio das expropiacións e de que as obras estarían rematadas no primeiro semestre de 2013, mais a día de hoxe os veciños e veciñas de Vea saben perfectamente que nada se fixo desde a Xunta para mellorar este acceso ao centro médico”, afirmou o concelleiro do BNG.

“Tanto é así”, engadiu Magariños, “que en 2012 o BNG recibe unha resposta da Xunta na que indicaba que “se é posíbel” a obra faríase no vindeiro exercicio, é dicir, en 2013, mais, como dixen antes, a día de hoxe non hai nada de nada, e a obra segue pendente de executar froito dos recortes que o PP está a levar a cabo na Xunta en nome da austeridade, unha austeridade que pode saír moi cara, como todos sabemos”.

O concelleiro nacionalista pregúntase “se o PP quere facer a obra ou non, mesmo fago extensiva a pregunta ao alcalde, que en 2011 era deputado do PP, e votou a favor desta mellora”. “O demora e a tranquilidade coa que se toma a Xunta esta obra”, explicou Magariños, “fainos temer que ao PP non lle interesa en absoluto facela, malia que é un acceso perigoso no que xa se rexistrou a morte dunha persoa”.

“Neste sentido,” explicou o concelleiro nacionalista, “nós, o BNG, non vamos deixar que este asunto caia no esquecemento, así, os deputados nacionalistas Carme Adán e Daniel Rodas, veñen de rexistrar unha batería de preguntas para saber cando se van iniciar as obras de mellora da seguranza viaria no acceso ao centro médico de Souto de Vea, cal é o cronograma que manexa a Xunta e cal é o investimento”.

“Agardemos que o PP e o alcalde se tomen en serio este asunto, porque está en xogo a vida das persoas que a diario acoden ao centro médico, e sería unha grave irresponsabilidade non tomar medidas neste asunto até que haxa unha nova desgraza

Advertisements