A Xunta do PP gasta case 10 millóns de euros ao ano no mantemento da Cidade da Cultura e A Estrada sen centro de día e sen escola infantil


Cidade da CulturaA deputada do BNG, Ana Pontón, denunciou hoxe no Parlamento de Galiza que a Xunta do Partido Popular gasta 9.855.000 euros ao ano no mantemento da Cidade da Cultura. O portavoz municipal do BNG da Estrada, Xosé Magariños, denunciou que “mentres o alcalde di que non hai cartos para o centro de día nin para unha nova escola infantil, os seus compañeiros de partido gastan unha fortuna no mantemento dun elemento arquitectónico de dubidoso gusto e completamente inútil e un lastre económico para divulgar como se merece a nosa cultura, sen tanto despilfarro”.

“Despois disto”, afirmou Magariños, “nin nós nin os veciños van tolerar que nos veña co conto de que non hai cartos, porque non só hai cartos para a Cidade da Cultura tamén para un campo de fútbol que non nos fai ningunha falta, mentres que, por exemplo, para a Cidade do Móbel ou para políticas de xeración de emprego non hai nin un euro”.

O concelleiro do BNG tamén se referiu aos provedores de Antalsis, a empresa que constrúe o campo de fútbol, denunciando que “no colmo do despropósito dunha obra que non necesitamos agora resulta que a empresa á que lle adxudicaron a construción do novo estadio, non só non paga aos seus provedores (preto de 10 empresas), moitos deles do noso concello, senón que lles aplica unha quita de até o 60%, coas consecuencias que iso vai ter para os seus traballadores (aproximadamente uns 100), nun concello que ten 2.300 parados e paradas”.

“Nestes sentido, pídolle ao alcalde e ao PP da Estrada que se poñan as pilas, que utilicen suposta influencia que teñen na Deputación e meta en cintura a esta multinacional para que pague o que debe, xa que segundo temos constancia Antalsis si cobrou, e non deixe tirados as pequenas e medianas empresas da Estrada e aos seus traballadores”, afirmou o concelleiro do BNG.

“Por outra parte,” engadiu Magariños, “non confiamos en que o PP cambie as políticas do despilfarro por outras de investimento nos sectores produtivos e xeración de emprego como tantas veces lle ten demandado o BNG, pero estou seguro de que os seus votantes o terán en conta nas próximas eleccións, non só as Europeas, senón nas municipais do vindeiro ano”.

Advertisements