100 medidas para crear emprego en Galiza e na Estrada


O nacionalismo galego sitúa no primeiro plano do debate, tanto social como nas institucións, o problema do desemprego e da alarmante destrución de emprego que se está producir en Galiza e tamén na Estrada

DesempregoO BNG e a CIG presentan o vindeiro xoves 20, ás 20,30h, no Teatro Principal da Estrada a iniciativa lexislativa popular que o sindicato nacionalista está a impulsar en toda Galiza, coas 100 medidas para crear emprego no noso país. Neste acto contaremos coa presenza de Rafael Iglesias, secretario de organización da CIG de Pontevedra, e Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Parlamento Galego.

O obxectivo deste acto público é, por unha parte dar a coñecer estas 100 medidas, que se centran por exemplo en promover o consumo de produtos propios, para reactivar o mercado interior; pór en marcha un plan industrial que promova o desenvolvemento dos sectores básicos da economía, como pode ser no noso concello a Cidade do Móbel, e que se pechen os ciclos produtivos en Galiza, entre outras medidas, que se debullarán neste acto público aberto a todas as veciñas e veciños da Estrada.

Por outra parte, o obxectivo deste acto público é recadar o maior número de sinaturas posíbeis para que esta iniciativa lexislativa popular chegue ao Parlamento Galego, se debata e se aprobe para que o goberno galego execute estas medidas de xeración de emprego no noso país.

Deste xeito, o nacionalismo galego sitúa no primeiro plano do debate, tanto social como nas institucións, o problema do desemprego e da alarmante destrución de emprego que se está producir en Galiza e tamén na Estrada, onde hai máis de 2.200 persoas en situación sen traballo. Neste sentido, o BNG da Estrada rexistrará nos próximos días unha moción para que o concello da Estrada apoie esta iniciativa lexislativa popular para así acadar un maior apoio social e popular a esta iniciativa.

Vivir, producir e traballar na propia Terra son as prioridades que ten o nacionalismo galego desde sempre. Galiza ten potencialidades abondo para crear emprego sen que a xente moza teña que emigrar e que son posíbeis outras políticas máis favorábeis aos intereses das traballadoras e traballadores do noso país.

Advertisements