A PAC para quen traballa a terra


estrada-recuperaO BNG ven defendendo historicamente unha modificación en profundidade do actual modelo da PAC. De feito, a nosa organización ven traballando, desde todas as instancias nas que ten presenza (Parlamento Galego, Parlamento do Estado, Parlamento Europeo, Xunta de Galiza durante a lexislatura 2005-2009), en favor da configuración dunha nova política agraria e rural na Unión Europea que tenda a corrixir os fortes desequilibrios hoxe existentes (entre sectores e países), e contribúa realmente a lograr un sector desenvolvido ao mesmo tempo que respectuoso co medio ambiente, a calidade dos alimentos e as funcións sociais e territoriais da actividade agraria.

Unha vez mais seguimos coa “seca histórica” de axudas e dereito a producir do agro galego, derivada de decisións e pésimas xestións do goberno actual e de gobernos anteriores que primaron outras zonas do estado e un modelo de agricultura moi alonxado dos intereses do agro galego. Así, as negociación da PAC feita polo goberno do Estado e co consentimento tácito do Goberno Galego trae como consecuencia que este ano as axudas veranse reducidas un 8,7% no seu importe.

O Goberno deixa novamente aos labregos indefensos e con axudas reducidas

O goberno galego, só tiña como obxectivo manter a situación do ano anterior no que os perceptores galegos cobraban de media 3.200 euros ano fronte aos 5.500 de media do Estado. A defensa desta posición, e tras reducírense os orzamentos a partir do 2015 nun 20% vai supor un importante recorte nas axudas que recibe cada labreg@.

A Xunta ten a abriga de defender un modelo que permita que as axudas cheguen aos que verdadeiramente traballan a terra e manteñen o territorio. O Goberno galego “non defendeu o tope máximo de 100.000 euros por perceptor, ou unha prima especial ás 30 primeiras hectáreas que favorecerían claramente ás explotacións galegas, hai que rachar un modelo no que as axudas seguirán dependendo case en exclusiva do número de hectáreas da explotación, obviando criterios como a conservación do territorio, a creación de postos de traballo ou outros factores ambientais e sociais.

Para o BNG é preciso unha nova política agraria e rural que, co fin de atender tanto aos intereses dos/as agricultores/as como ás demandas do conxunto da sociedade, debería responder a seis criterios básicos:

  • Asegurar niveis de renda dignos aos produtores agrarios.
  • Estabilizar os mercados dos produtos agrarios e equilibrar as relacións entre os axentes da cadea agroalimentar.
  • A redución dos desequilibrios existentes na agricultura comunitaria; posibilitando en concreto que as áreas periféricas, como Galiza, podan desenvolver a súa capacidade produtiva naquelas ramas nas que teñen vantaxes comparativas a medio prazo.
  • A distribución máis equitativa, e con criterios de progresividade social, dos fondos da PAC. Establecendo para isto unha modulación do apoio en función do nivel de renda e o volume de emprego das explotacións.
  • A atención á salubridade e calidade dos alimentos e ás funcións ambientais e territoriais da actividade agraria.
  • O fomento dun comercio mundial de produtos agrarios máis xusto, no que se desterren as prácticas de dumping por parte dos países desenvolvidos, que non fan senón acentuar a dependencia e o empobrecemento dos países subdesenvolvidos.

O BNG oponse a esta proposta de reforma da PAC, non para defender o actual statu quo, senón porque estamos por unha verdadeira modificación do modelo da PAC acorde cos principios que vimos sostendo, que pensamos responden non só ás necesidades dos agricultores e agricultoras de Galiza senón tamén ás demandas do conxunto da sociedade (galega e europea).