Alarma entre os veciños e veciñas da Estrada polas notificacións do catastro


Nas notificacións aparecen valores catastrais disparatados, con subidas do 13% ao 98% e baixadas a respecto dos valores catastrais de 2013

Xosé Magariños urxe a convocatoria dunha comisión de facenda e a habilitación dunha oficina de información aos veciños e veciñas da Estrada

notificacion-catastroA xerencia do catastro está a enviar notificacións a todos os veciños e veciñas coas actualizacións dos valores catastrais das súas propiedades inmobiliarias. Segundo afirma o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “está a alarmar a moitos propietarios polas diferencias que hai nestes novos valores de 2014 a respecto de 2013”.

“Así”, explicou o concelleiro nacionalista, “puidemos ver notificacións con valores absolutamente disparatados, con subidas de até o 98%, do 13%, etc, e tamén baixadas, unhas porcentaxes que non se corresponden coa subida aprobada polo PP do 10% en todos os valores catastrais da Estrada”.

“Por outra parte”, indicou Magariños, “os datos que reflicte a notificación de catastro non permite saber con certeza se eses valores están ben calculados ou non, e o que é máis grave desde o noso punto de vista, que omite o tipo impositivo que se aplicará nos recibos deste ano”. “É dicir,”, engadiu o concelleiro do BNG, “que os veciños e veciñas da Estrada non saberán até que lle chegue o recibo ao banco se a ese recibo lle aplican un tipo impositivo do 0,6% ou o do 0,4% como sostén o alcalde logo de decretar unha subida do 10% dos recibos para, segundo o rexedor, poder baixar os recibos da contribución”.

O concelleiro do BNG afirmou que “moito nos tememos que estas notificacións que están a recibir os veciños e veciñas da Estrada esconde unha actualización catastral encuberta, por iso, reclamamos a convocatoria urxente dunha comisión de facenda para aclarar esta situación e aclarar que datos se barallaron para calcular os datos catastrais e todo aquelo permita calmar o estado de alarma no que se atopan moitos veciños e veciñas da Estrada logo de recibir estas notificacións tan opacas”.

“E por outra parte”, explicou Magariños, “creemos moi necesario que o concello habilite unha oficina para que os veciños e veciñas da Estrada aclaren calquera dúbida que teñan con estas notificacións, e sobre todo, que lles faciliten datos que lle permitan facer a correspondente reclamación”.

“Neste sentido”, engadiu o concelleiro nacionalista, “insistimos na urxencia da convocatoria da comisión e na habilitación desta oficina, porque o tempo corre en contra dos estradenses, que teñen un prazo dun mes para presentaren a correspondentes reclamacións se así o estiman oportuno”.

Advertisements