O BNG pide a condena pública da represión que están a sufrir os estafad@s polas preferentes


Só en Pontevedra hai sancións por máis de 16.000 € contra as persoas que reclaman os seus cartos

preferentes

O BNG vén de rexistrar unha moción, que presentará por urxencia no pleno do vindeiro xoves, para pedir a condena publicamente da represión que están a sufrir as afectadas e afectados polas participacións preferentes e subordinadas por esixir os seus cartos e os seus dereitos. Por outra parte, a moción tamén pide que o Concello retire as súas contas que mantén na entidade bancaria de NOVAGALICIABANCO, se o novo dono desta entidade, señor Escotet (do actual Banesco) non cumpre a súa promesa de dar unha solución aos afectados.

Temos que recordar unha vez máis que no noso concello hai máis de 700 persoas estafadas por este produto financeiro, que ten atrapados a máis de 15 millóns de euros, os aforros de toda unha vida feitos a base de moito esforzo e moito sacrificio.

O 18 de febreiro de 2013 o goberno español presidido por Mariano Rajoy, a través do FROB, fixo que Galiza perdera o control definitivo de NovaGalicaBanco, principal entidade financeira que quedaba en pé e que xestiona o 40% do aforro dos galegos e galegas, entregando a entidade a un pequeno banco venezolano pola irrisoria cantidade de 1.000 millóns de euros a pagar en cómodos prazos de aquí a 2018.

Hai ano e medio, o presidente da Xunta, o Sr. Feijóo afirmaba que se ía buscar unha solución para as preferentes e subordinadas, pero hoxe o problema está sen solucionar porque, lembramos novamente, faltan por devolver 500 millóns a 35.000 persoas.

Lembramos que as demandas xudiciais son única vía aberta para os estafados, despois de ser abandonados á súa sorte polas administracións públicas tralo proceso de canxe e quitas obrigatorias e o remate da arbitraxe, e que están a resultar maioritariamente favorábeis aos afectados.

Agora que a venda-agasallo está consumada, queremos dicir que aos actuais donos de NovaGaliciaBanco (o FROB e o Ministerio de Economía), e aos futuros directivos de BANESCO mercaron un banco, pero tamén mercaron un problema: ese problema son os estafados e estafadas coas preferentes e subordinadas, que o novo dono de NGB e o Sr. Feijóo pretenden ignorar.

A isto hai que engadir que nos últimos meses, persoas pertencentes ás Plataformas de Afectados polas Participacións Preferentes e Subordinadas están sendo reiteradamente sancionados pola súa participación en protestas cidadáns esixindo unha solución xusta para os milleiros de aforradores vítimas desta estafa.

Soamente na provincia de Pontevedra as sancións suman xa máis de 16.000€. Trátanse de sancións manifestamente arbitrarias e inxustas que só poden ser entendidas como un intento do Goberno do PP de amedrentar ao colectivo e coaccionar a estas persoas para que cesen nas súas protestas pacíficas.